Rosalía de Castro compareceu en Goiáns animada pola cultura musical e literaria da asociación Barbantia

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Tero Rodríguez encarnou á escritora do Sar nun acto no que Marcos Lorenzo presentou o libro «En serr»

27 feb 2023 . Actualizado a las 14:54 h.

A noite non animaba a asistir a un acto cultural nun inmoble histórico pero tan frío como o que reinaba no exterior, porén, os fieis socios e seguidores da Asociación Cultural Barbantia poucas veces fallan, e o venres non foi unha excepción. Claro que había moitos motivos para responder á convocatoria: o lugar, o emblemático pazo de Goiáns en Boiro; que a entidade barbancesa elixiu o encontro para conmemorara o día de Rosalía; e, como de costume, a presentación dun libro, nesta ocasión En ser, de Marcos Lorenzo. E a maiores, a actuación teatralizada de Os Quinquilláns (Lucho Penabade e Tero Rodríguez) e a música con instrumentos tradicionais de Luís Caruncho.

Con tantos alicientes, a friaxe pasou a un segundo plano durante as dúas horas de duración do acto no que, en primeiro lugar, compareceu a mesmísima Rosalía de Castro que encarnou Tero Rodríguez, con esa capacidade que ten a rianxeira de introducirse nas personaxes que interpreta, de tal forma que o numeroso público que se deu cita no pazo de Goiáns tivo a oportunidade de imaxinar estar escoitando á poeta de Padrón falando da súa obra e da súa vida, rachando tópicos históricos, e co apoio do seu editor, Juan Montañel, que imprimiu o libro Cantares gallegos e que interpretou xenialmente Lucho Penabade.

Caruncho fixo a súa achega á homenaxe a Rosalía de Castro interpretando poesías cantadas a viva voz e acompañadas polos seus instrumentos tradicionais, como a zanfona, a gaita ou a caixa.

Presentación literaria

Rematada a parte escénica e musical, deuse paso á literaria, xusto despois de que o alcalde, José Ramón Romero, dese a benvida a todos ao pazo de Goiáns e desexara a Marcos Lorenzo éxito co seu novo libro. Previamente, María Xesús Blanco, presidenta de Barbantia, presentou aos integrantes da mesa e agradeceu a colaboración do Concello de Boiro por albergar o acto mensual, así como a intervención de Os Quinquilláns e Luís Caruncho.

Foi o filósofo Xosé Ricardo Losada o encargado de destripar o libro En ser, e empezou recoñecendo que non coñecía nin ao autor nin á obra, e que facía a presentación porque llo pedira o técnico de cultura de Boiro, Alberto García. Losada asegurou que o volume lle sorprendera, que non esperaba atopar un libro que lle recordaba a el mesmo, aínda que lle puxo un pero, e é que editorialmente non é moi aceptable: «Se non me chegan a invitar a facer este acto, seguro que non o lería nunca», afirmou, explicando que hai unha superprodución literaria en Galicia.

O rianxeiro, entre outros aspectos, asegurou que vía na obra cousas que lle lembraban a Castealo, Manuel Antonio e Faustino Rei Romero, aspecto que o autor atribuíu á casualidade, porén recoñecendo que para el era unha honra que o asemellaran.

Do debate entre Marcos Lorenzo e Ricardo Losada dedúcese que estamos ante un libro de filosofía con moitos ingredientes que o fan digno de ler.