Interesante xogo de escrita

BARBANZA

Hai textos que nacen de xeito mancomunado, compartido

25 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A escrita adoita ser algo individual que se manufactura dentro dun cuarto escuro, en soidade. Mais non sempre é así. Hai textos que nacen de xeito mancomunado, compartido. Tal é o caso deste libro, Entre nós, que asinan Carmen Fernández Santás e Emilio Castro Fustes, dous amigos que fan confluír os seus relatos a partir dunha proposta certamente orixinal que multiplica aínda máis a autoría, porque o punto de partida son unha ducia de haikus de Daniel Ariño, onde se inspiran non só os textos senón tamén as ilustracións de Fran Muñiz.

Hai en todo o libro un pouso de saudade, unha ollada cara atrás, cara a ese paraíso perdido que é a nosa infancia, ganduxando lembranzas e pequenos retallos do pasado cos que fixar a memoria no presente. E tanto ten que as historias veñan da malla, da morte dunha nai, da polisemia das palabras ou do ciclismo.

Carmen e mais Emilio aceptan este interesante xogo de escrita a partir dunha mesma palabra e ambos os dous toman camiños diversos para construír textos que acadan un mesmo obxectivo: lembrarnos de onde vimos e tamén cara a onde imos. E fano dun xeito libre e ameno que os reconcilia co pasado e coa vontade de compartiren con nós a vida, o talento e as palabras.