«Gustaríanos atraer á mocidade e escoitar desde Barbantia as súas propostas»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A nova presidenta, María Xesús Blanco, manterá unha liña continuísta con respecto aos seus antecesores no cargo

06 feb 2023 . Actualizado a las 17:29 h.

Antón Riveiro Coello, Xesús Laíño, Manuel Cartea e, agora, Barbantia emprende unha nova etapa con María Xesús Blanco á fronte. A escritora e mestra asume a presidencia da asociación cultural con ilusión e co obxectivo de darlle continuidade á gran labor realizada polos seus antecesores, que converteron a entidade nun referente cultural dentro e fóra da comarca. Deixa claro que a presidenta é un peón máis nun equipo no que as responsabilidades e os logros se comparten.

—É a primeira muller á fronte de Barbanza, supón iso unha responsabilidade engadida?

—Pois non debería. É un cambio natural.

—Con que obxectivos asume a presidencia?

—Pois cuns obxectivos de continuidade e de futuro na dinamización da vida cultural da contorna. Gustaríanos atraer á mocidade e escoitar desde Barbantia as súas propostas. Seguiremos coas presentacións literarias e coas colaboracións no suplemento A Voz de Barbantia. Para a celebración do Día de Rosalía temos proxectado un debate sobre literatura e muller en Boiro e conmemoraremos as Letras Galegas coa tradicional romaría no Pazo de Goiáns. Tamén seguiremos co encontro de creadores en BarbantiArte. E coa aposta polo sexto Premio Infantil de Novela Carlos Mosteiro da Pobra. Amais da elaboración do Anuario e os Premios Barbantia da Cultura.

—Hai algo que cambiar ou engadir ao programa que desenvolve anualmente a entidade?

—Pois manterei un encontro coas vicepresidentas Isabel Santos e Encarna Pego e co anterior presidente, Manuel Cartea, que segue sendo o coordinador do suplemento cultural de A Voz de Barbantia e do Anuario. Estou segura que nesta reunión falaremos de novas propostas. Aínda que o programa é bastante completo e ás veces estamos desbordados. De feito, colaboramos en actividades conxuntas con concellos e outras entidades como son as Xornadas Castelao, a Semana da Historia en Noia ou as Xornadas da Memoria Histórica. E sempre quedan actos para o verán por falta de datas durante o resto do ano.

—Cales son para vostede as actividades estrela?

—Pois todas a verdade. Destacaría o suplemento cultural, que é espectacular pola variedade de contidos. En marzo será a presentación do oitavo recopilatorio en Porto do Son. Hai que lembrar que o suplemento naceu con Barbantia hai vinte anos, grazas á colaboración de La Voz de Galicia e ao esforzo dun grupo de persoas que se encarga das seccións. Por el pasaron centos de colaboradores e seguirá engadindo novas incorporacións. Logo, a Romaría das Letras en Goiáns, que agardamos continúe como un exemplo de democratización da cultura. E os Premios Barbantia, que xa son dezaoito anos enxalzando a cultura na comarca.

—Colle a presidencia nun momento no que Barbantia está no cumio, cal é a súa gran aspiración?

—O labor dos presidentes anteriores foi extraordinario. A miña aspiración é traballar co meu equipo para que siga estando aí, medrando e sendo un referente cultural para todas e para todos.

—Cal e o seu principal temor?

—Levo colaborando con Barbantia dende os seus inicios e síntome arroupada e ilusionada nesta nova andaina.

—Cal diría que foi o gran logro da entidade nestes 20 anos de existencia?

—O gran logro é estar aquí e seguir traballando xuntos dende diferentes ámbitos a prol da nosa lingua e da cultura galega.

—E o segredo do éxito?

—Pois a colaboración e a implicación dos socios, o respecto e o traballo en equipo. Lembremos que todos os concellos de Barbanza colaboran coa asociación, ademais de moitas entidades culturais, editoriais, a Deputación, a Xunta ou o xornal La Voz de Galicia. Todo iso contribúe a que as actividades sexan moi atractivas e interesantes. E o excelente labor do noso coordinador, Xoán Pastor Santamaría, que axuda a cadrar unha axenda cultural moi intensa.

«Un dos obxectivos da asociación é amosar o gran potencial cultural que hai na comarca»

Ademais de socia e agora, presidenta de Barbantia, María Xesús Blanco é escritora. Estreouse no 2020 con O caderno de Rosalía, un libro especialmente dirixido ao público infantil. Por esa faceta literaria, ela sabe como ninguén a importancia que ten a asociación para animar ás plumas da comarca a seguir producindo e para dar a coñecer as súas obras.

—Como xorde a súa paixón polas letras?

—A paixón polas letras xorde na infancia. Primeiro coa lectura e coa escrita máis tarde.

—Tivo algo que ver Barbantia para que se lanzara a publicar o seu primeiro libro, O caderno de Rosalía?

—Barbantia tivo que ver en que non deixara de escribir en momentos da miña vida persoal que non tiña tempo para nada. Colaborar nas presentacións de libros e o contacto con outros creadores que teñen inquedanzas semellantes fixo que non perdera a ilusión por facer unha das cousas que máis me gusta, que é escribir. Coido que isto lle pasou e lle pasará a moitos socios de Barbantia. Hai que ter en conta que, precisamente, un dos obxectivos da asociación é amosar o gran potencial cultural que hai na comarca dende diferentes eidos, para iso se organizan actividades e se procuran encontros.

—O seu primeiro libro foi editado por Galaxia. Como foi a experiencia? Pensa que é demasiado complicado publicar en Galicia e en galego?

— Pois si. Ás veces non é fácil publicar un libro á marxe dos premios literarios. Pero son das que pensan que hai que tentalo e apostar sempre pola escrita e a publicación na nosa lingua.

—Ten algún novo libro en fase de preparación?

—Diso prefiro falar outro día. O tema de hoxe é Barbantia.

—Como ve o futuro da asociación despois de dúas décadas de traxectoria?

—Pois véxoo prometedor e con moito ánimo para seguir facendo camiño.