A íntima paisaxe do poeta rianxeiro

Celia Riande García
celia riande RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Cedida

José Carou publica da man da editorial Galaxia a súa última obra, «Diorama»

02 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado venres 20 de xaneiro presentouse no auditorio de Rianxo o último libro de José Carou Rey, recoñecido poeta da vila de Castelao que, malia ter publicados numerosos traballos galardoados tanto de xeito conxunto como individual, segue sen considerarse escritor.

Porén, José Carou vén de publicar Diorama, que xa forma parte da prestixiosa colección Dombate, da editorial Galaxia, que combina unha escolma de poesía do momento coa recuperación de obras coma as de Eduardo Blanco Amor, Rosalía de Castro ou Manuel Antonio.

«Diorama é o meu mellor libro. Non albergo dúbidas. Tamén, moi probablemente, o meu derradeiro encontro coa poesía. Síntoo así». Así comezaba José Carou a falar dunha obra que non recibe o seu nome por casualidade: «Un diorama é unha maqueta que representa unha escena da vida que denominamos real. Eu reivindico a realidade incuestionable da ficción».

Con esta filosofía, a última obra do profesor rianxeiro supón unha declaración de intencións, tratando de filmar con palabras a súa paisaxe máis íntima: «Non por especial ou destacable, só porque é a única acerca da cal coñezo todos ou case todos os pormenores».

Estrutura do poemario

Trátase dunha obra complexa, dividida en seis fragmentos, aínda que todos compartan unha unidade estilística: «Na primeira parte, Universos somerxidos, rindo tributo ao cinema. Cada un dos poemas colorea o fotograma dun instante fílmico importante na miña educación sentimental. Nas outras cinco, mergúllome en fracturas íntimas, reivindico a necesidade da amizade e do amor de parella para conferir sentido á vida».

Como xa fixo en obras anteriores, do que serve de exemplo o seu libro Hemisferio Auga, Carou contou coa colaboración do artista Salvador Laíño, co que ten unha fonda relación: «Somos amigos desde moi novos, dos tempos das clases de música no antigo Liceo de Rianxo. A súa obra, sobre todas as cousas, persegue a autenticidade á marxe de modas e tendencias. Caracterízase por un estilo tremendamente persoal. Diorama é unha simbiose de palabra e imaxe, un pacto de amizade».

Ao preguntar sobre como se foi construíndo o libro, Carou evita identificarse coa precisión dun escritor metódico ou disciplinado: «Non sabía moi ben en que consistía a inspiración, nin cría nela, ata que comezaron a chegarme os versos de Diorama. Sentíame simplemente unha canle, un transcritor de poemas que non me pertencían. Posteriormente, si houbo un traballo de cicelado sintáctico e de arranxos na musicalidade do fraseo».

Papel como docente

En canto á autoconcepción, se ben é certo que Carou non se ve como poeta, si que o fai como docente: «Considero incluso arriscado e pretensioso considerarme escritor. Se teño que definirme, faríao dicindo que son profesor de filosofía. Dalgún xeito, todos os meus libros están dedicados aos meus alumnos pasados e presentes. Considero un privilexio presentarlles aos principais pensadores occidentais e escoitar as súas reflexións, frescas e críticas».

Ás portas da súa xubilación no mundo da poesía, o docente rianxeiro bota a vista atrás para reflexionar sobre a súa tremenda evolución na escrita: «Se puidese eliminar un libro dos que escribín, sería o primeiro, Bebedizo na lúa. Grazas á fortuna non é posible encontrar exemplares. Daquela retorcía a linguaxe ata facela sufrir. Teño como fin, aínda non conseguido, desposuír a linguaxe de artificios e expresar as ideas e os sentimentos coa máxima limpeza posible».

Ao falar de inspiracións e cales son as maiores influencias que foron deixaron pegada no estilo do autor, aparte de autores coma McCarthy, Lispector, Camus ou Cortázar, o rianxeiro sinala a seu pai: «Un lector no sentido auténtico da palabra. Del herdei a paixón polos libros. Meus pais representan a capacidade de amar e coidar como atributo irrenunciable do ser humano. Sen ese espello no que mirarme, tanto a vida como a literatura carecerían de sentido algún para min».