Cóctel de arte arredor de Antón Riveiro Coello e baixo a mirada de Castelao

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O escritor presentou o libro «Días de intemperie», que vai pola segunda edición

28 ene 2023 . Actualizado a las 14:04 h.

Explicaba o xenial pintor Alfonso Costa, ao remate do acto mensual da Asociación Cultural Barbantia que cada mes de xaneiro se inclúe dentro do programa que organiza o Concello de Rianxo para conmemorar o nacemento de Daniel Rodríguez Castelao, que no cadro que pintou ao tempo que se facía a presentación do libro Días de intemperie, de Antón Riveiro Coello, elixira facer un debuxo do pai do galeguismo distinto do habitual no que o escritor de Sempre en Galiza se transforma e ségueche coa mirada, de forma que poida gozar da vida e da morte.

Sendo así, a través da arte, o galego máis universal tivo ocasión de asistir a un interesante cóctel artístico con ingredientes musicais da violinista Patricia Túñez, que interpretou Negra sombra, Tu gitana e Lela; o son de fondo do piano de Aida Saco, ausente nos Estados Unidos, co título Cando a tristura do inverno; a elaboración dun cadro a cargo de Alfonso Costa e a disertación dos escritores Antón Riveiro Coello e Marcos Calveiro, así como os profesores Milagros Torrado e Xesús Laíño sobre o eloxiado Días de intemperie, que nun mes escaso esgotou a primeira edición.

Foi o alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños, o que abriu o acto para presentar ás músicas e explicar que o cadro de Costa formará parte desa pequena colección que cada ano suma unha nova obra feita ao tempo que se desenvolve a presentación.

Máis optimismo

Seguiu nas intervencións a vicepresidenta de Barbantia, Milagros Torrado, que lembrou cando coñeceu a Antón Riveiro sendo alumna do instituto Praia de Barraña, con motivo dunha entrevista para a revista do centro. Fixo constar a súa admiración pola obra de Riveiro en xeral, e polo libro que se presentaba, pero permitiuse pedirlle un pouco máis de optimismo en vindeiras publicacións, reto que aceptou o escritor.

Por parte de Galaxia, que é a editorial de cabeceira de Antón Riveiro Coello, interveu Marcos Calveiro, que dixo que lera o libro nun día, porque desde que se converteu en editor non ten tempo para ler por ocio, pero agradeceu que a presentación lle obrigara a ler Días de intemperie. Xustificou que o autor escriba sobre a guerra de Ucraína porque está «aquí, ao noso lado. Hai xente que se está matando. As vítimas sempre son as mesmas: mulleres, nenos e xente maior». Sinalou que aínda que os temas dos libros de Antón Riveiro sexan duros, sempre deixan aberto un portelo á esperanza.

A continuación, entre Xesús Laíño e o autor do libro estableceuse un diálogo sobre a obra. Laíño fixo fincapé en que Días de intemperie é un éxito de crítica e de lectores, e preguntoulle a Antón Riveiro se o esperaba, respondendo este que non, entre outras cousas, porque os relatos non acostuman a gustar aos lectores de novelas, que queren historias máis longas. Explicou que algúns dos nove relatos que forman parte da obra, coa guerra como nexo común, foron feitos en distintas épocas. Recoñeceu que efectivamente hai moitos mortos nas súas obras, a pesares de que el é moi pacífico.

As vítimas

Por outra banda, Riveiro Coello asegurou que as guerras parécense todas, pero o que cambian son as reaccións das persoas implicadas nelas. Lembrou que o 80 % das vítimas dunha guerra son civís e alertou do perigo que ten escribir sobre vítimas dos conflitos bélicos, da xente, sen trivializar.

O propio Antón Riveiro confirmou o que sinalaba Laíño, de que Días de intemperie está sendo un éxito a todos os niveis, porque asegurou que non lembraba ter tantas entrevistas por un libro de súa extensa obra.

Ao longo do debate houbo tempo de analizar a situación do libro en galego, confirmando Marcos Calveiro que cada vez hai menos lectores; de que as edicións non son como antes, xa que as editoriais as fan máis pequenas, polo que se pode dicir que en realidade son reimpresións; e da próxima publicación da nova obra de Riveiro, Hotel Carioca, cuxo estilo non é o habitual, o que despistou ao propio xurado do premio Álvaro Cunqueiro,