Monocultivos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

«O monocultivo é o contrario á diversidade, ese sistema vital que os pobos veñen desenvolvendo dende hai séculos»

24 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que a definición de monocultivo vén sendo o sistema de produción agrícola no que se sementa e colleita unha única especie de xeito uniforme, vénse aplicando este termo para calquera actividade que consista en apostar todo a unha mesma carta.

Temos escoitado ultimamente moito a expresión «monocultivo turístico», que consiste en ir deixando mortos o sector primario e a industria para dedicar toda a actividade ao turismo, o cal é un gran erro pola vulnerabilidade do sistema fronte ás vicisitudes e imprevistos.

En realidade, o monocultivo é o contrario á diversidade, ese sistema vital que os pobos veñen desenvolvendo dende hai séculos, unha rica e complexa estrutura de oficios, profesións e negocios que poden funcionar de modo interdisciplinario, e que é máis forte fronte ás adversidades. O máis coñecido por nós é o monocultivo forestal, o do eucalipto, que empobrece a terra e a biodiversidade, por simplificar o ciclo de carbono, que apenas é quen de reter por moito tempo. Tamén foxen del as bacterias necesarias para fixar o nitróxeno, e os propios paxaros e insectos, que morren por falta de alimento.

Agora, o que estamos vendo é que nace o monocultivo vitivinícola, o do albariño, que no Salnés —e noutras bisbarras— está arrasando o territorio. Para optimizar a produción e simplificar os traballos, baixando custos, crean grandes macroparcelas continuas, que rompen o ciclo natural da auga, que pechan camiños de sempre, que explanan outeiros e eliminan os microtopónimos, industrializa o traballo familiar e empobrece a paisaxe, o patrimonio cultural galego.