Había lobos na serra do Barbanza?

La Voz

BARBANZA

Ministerio para la Transición Ecológica

15 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Conta unha antiga lenda que os lobos fuxiron dos cumes agrestes e solitarios do Iroite cando na serra de Barbanza deixou de nacer unha planta que tiña a forma dun perico que vestía unha peluxe de cor encarnada. Naqueles páramos resecos e pedregosos desapareceron todas as plantas, agás esa, que, cando a cortaban, soltaba un líquido semellante ao sangue, motivo polo cal, os lobos daquel territorio, de ollos apartadizos e chispentos, sentían unha grande atracción, mesmo se pode dicir que estaban enganchados a aquela beberaxe. A súa adicción facíase irrefreable sobre todo nas noites de lúa chea. Entón, transformados en seres sanguinarios, baixaban ás aldeas e axexaban os cortellos e alpendres. Encerradas nos alboios, as ovellas non paraban de berregar ata que vían a luz do día. Cos primeiros raios de luz era cando os lobos deixaban tranquilos os animais e emprendían o regreso para os seus tobos, agochados entre os outeiros dos picos máis encrespados.

Relataba así mesmo aquela fantástica lenda que os lobos daquela inhóspita paraxe, cando morrían, ían todos ao inferno, onde pasaban a desempeñar o traballo de porteiros e gardiáns dos condenados ao lume eterno. Cando os pecadores irredentos entraban naquela ardente prisión, estes feroces animais levantaban os rabos para saudalos, instante no que os transformaban en cobras. En cambio, aos que querían fuxir daquela sauna, devorábanos.

Pasaron varias décadas antes de que volveramos escoitar falar dos lobos. Foi nos anos sesenta e setenta cando as crónicas xornalísticas nos achegaron titulares coma este: «Hay lobos en el Barbanza». Mais nada contaban de se estas criaturas temibles e perigosas eran ou non descendentes daquela feroz estirpe. Nin sequera garantían que fose real a súa presenza nos cumes da nosa montaña, pois só se limitaba a reflectir as voces dos habitantes das aldeas do monte que se queixaban e aseguraban que eran eses animais fuxidíos e astutos os que causaban numerosas baixas entre o gando dos seus rabaños bovinos e vacunos.

Nos últimos tempos oíuse de novo que unha manda de poucos exemplares moraba nos cumes máis escarpados da serra, aló onde antigamente habitaba unha cuadrilla de rebecos. Isto foi antes de que estes bóvidos, ante a falta de neve, escaparan do noso territorio para asentarse na zona de Cantabria ou emigraran aos picos máis altos de Europa. Da presenza do lobo daban conta algunhas crónicas antes do terrible incendio do mes de agosto pasado, que arrasou a cara arousá da montaña do Barbanza. Pero nada máis se soubo deles. Se fuxiron das lapas ou morreron abrasados por elas. Ninguén se preocupou pola sorte destas bestas proscritas.

Aquela antiga e fabulosa lenda relataba así mesmo que na chaira dos Pastizais, no ventre da serra barbancesa, centos de anos atrás había unha árbore de notable tamaño, talvez a única que se sobrepuxo ao traballo destrutivo do forte vento que aló sopra, mais unha vez secou e nunca máis volveu agromar outra parecida.

Hai moitos anos, uns días antes de que entrase o inverno, un dos máis crus que se recorda, segundo recollen as follas parroquiais de Nebra, unha bandada de paxaros pousouse nas pólas daquel robusto tronco para descansar e pasar a noite no seu voo cara ás cálidas terras do norte de África. Pero cando estaban durmidos, as ramas reviráronse e comeron todas aquelas aves de fermosas cores. Mais cando a primavera chegou de novo a aquela ventosa paraxe montañosa, en vez de follas, nas ramas daquela árbore carnívora naceron unhas vistosas plumas. Por iso se cre que a árbore morreu coa calor cando entrou o verán.