Daquela non había negros

José Vicente Domínguez
josé vicente domínguez LATITUD 42°-34?, 8 N

BARBANZA

12 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando vivía en Haití, onde o 99,9 % da poboación era negra, despois dunha longa xuntanza empresarial cos socios haitianos, preguntoume a miña muller e compañeira: «Eran todos negros?». E eu quedei pensando un anaco antes de lle responder. Pois, logo de case dous anos vivindo alí, acostumado como estaba aos meus compañeiros de traballo, non era para min prioridade algunha diferenciar si eran brancos ou negros. E a miña sincera resposta foi: «Creo que eran todos negros». Voto isto por diante para que ninguén poida pensar mal da miña clara posición racial.

Nestes días pasados, con cabalgatas por todas partes, puidemos ver a tradición dos tres reis: o branco e rubio Melchor, o moreno claro tal que nós Gaspar e o negro Baltasar. E non puiden menos que lembrarme cando por estas latitudes non tiñamos persoas negras. Nin tan só un que fixera dignamente de Baltasar! E, para representaren o rei que, por certo, non era rei e ninguén sabe si era negro, había que coller un nativo e pintarlle a cara e as mans cun tizón. Hoxe, a tal pintada, coñecida co nome de blackface, afortunada e loxicamente, non está ben vista polos cidadáns respectuosos coas razas.

Dito sexa de paso, e segundo manifestou o finado Benedicto XVI, que algo diso sabía, tan só hai constancia escrita de que eran magos que viñan de oriente montados en camelos. E, tamén segundo o finado, no presebe tampouco había animais de clase algunha. Aínda que para ese cometido si que temos nativos racistas dabondo.

Volvendo a Baltasar; por que non había negros en España? Por varias razóns. Unha era a fobia que Franco lles tiña, pois moitos, sobre todo americanos do estado racista de Misisipi, viñeron coa Lexion Lincoln para loitar contra o fascismo. Outra razón era que os explotadores brancos das colonias necesitaban man de obra barata (por non dicir escrava) para as plantacións de cacao e café. Tanto foi así que, para cortar calquera reivindicación de igualdade e impedir que as plantacións quedasen sen man de obra, a finais dos 40, o goberno franquista ordenoulle a uns pagados «científicos» do CSIC que reafirmasen a crenza da inferioridade dos negros e que, polo tanto, deberían ser considerados «menores deidade mental». Deste xeito, poderíaselle aplicar unha política indíxena especial tutelada polo goberno, polos donos das plantacións e bendicida polo clero. Non foi ata 1959 cando, pola presión anticolonialista internacional, o goberno tivo que converter en provincias Fernando Po e Rio Muni. A partires daquela, uns poucos ricos guineanos puideron chegar á Península, ata a independencia de Guinea Ecuatorial no 1968.

Segundo algúns investigadores, os españois padecemos complexo de blanquitude inferior. Por iso, sendo menos brancos que os nórdicos, non nos gusta integrarnos con outros máis morenos. Algo parecido ao que lles pasa os mulatos cos negros. Despois da experiencia de vivir case dous intensos anos en Haití, inmerso na plenitude da raza negra, dóeme dicir que España aínda non é un bo lugar para ser negro. Agardo se consiga coas novas xeracións e que nunca máis haxa que pintar de negro a cara de ninguén.