Sempre vai estar aí

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

«Algunhas veces os comisarios de exposicións vivimos situacións propias das novelas de detectives»

08 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días ando na procura dunha importante peza do noso patrimonio histórico que se atopa en paradoiro descoñecido. Algunhas veces os comisarios de exposicións vivimos situacións propias desas novelas de detectives nas que é máis interesante o que nos contan da sociedade na que suceden os crimes que os asasinatos en si mesmos. Para o meu traballo de procura teño que combinar as fontes documentais con entrevistas. Unhas persoas vanme levando a outras a través dun novelo de pasados.

Polo medio pasan as turbulencias da historia, as biografías, as xenreiras, o persoal e o colectivo: a propia obra de arte buscada acaba por se converter case en actriz secundaria da historia.

Unha das cousas que máis me chama a atención desta obra é que, malia estar nunha posición preeminente dun local emblemático durante cincuenta anos —e ser ela mesma unha destacada obra de arte— non conseguimos atopar nin unha soa foto da súa colocación. Os fotógrafos que durante décadas fotografaron ese local miraban para outros lados. Creo que, de algún xeito, a obra mudou en decoración ambiental. Estaba aí. Sempre ía estar aí, non?

Sucede o mesmo co noso patrimonio e as vilas a día de hoxe. Algúns lugares están sobrerrepresentados en fotografías. Outros, mesmo para esta sociedade dixital do século XXI que fala a través das fotos, carecerán de toda traza no futuro.

Nunca hai que dar por feito que algo perdurará porque si, porque quen o vai quitar de sitio. Ás veces, o máis visible é o que está destinado a desaparecer.