Ensaio para un conto de terror

La Voz

BARBANZA

As rústicas nun bis a bis asembleario indagan sobre a entidade dun foráneo que vén a establecerse no barrio

26 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Praza do Rueiro formando un cono truncado. As rústicas nun bis a bis asembleario indagan sobre a entidade dun foráneo que vén a establecerse no barrio. Con ollares de pelouro e bocas de asubío, polo ángulo do ollo apuntan a unha solaina.

—Din que alugaron a casa!

—Pois..., disque si; e quen vén para ela?

—Falan dun necrófago.

—Ai muller! Non é un necrófago, é un nigromante!

—E que vén a ser un nigromante?

—Aquí no móbil di que é un taumaturgo escatolóxico que pode comunicarse cos mortos, ou algo así.

—Ai! Deus mediante! A min eses nomes póñenme a pel de jalludo! Buff!

—Pois si, compañeiras: coas novas tecnoloxías din que poden arranxar moitos problemas que deixan os que morren de repentenites.

—E que vén a ser iso do repentenites?

—Pois sonche os que morren de súpeto, sen dicir nin pío: onde deixaron as chaves, as tarxetas... e os cartiños! Estes técnicos, coas novas tecnoloxías, conectan cos finados e estes remítenlles cantos datos lles pidan.

—Entón, eses homes son bruxos, ou que!? Como fan?

—Non muller. Non son bruxos nin adiviños. Son técnicos vangardistas. Sonche os novos oficios que trouxo a plandemia. Agora estes veñen resolver os problemas que deixan os ipso-factos.

—Claro, filla, porque antes non había tantas mortes súbitas coma agora, e o cura aínda collía o moribundo con algo de aire para confesalo.

—Pois din que é unha carreira que se dá en Harvard, onde estudan metempsicose aplicada ao sistema cuántico. Non sei de que vai, pero é o que pon aquí. E que ao acabar regálanlles unha interface cun dispositivo que lle chaman MAC (Acceso a Control de Medios), que conecta co neuro-transmisor do defunto.

?Entón o nigromante terá que ter o e-mail do exánime, non si?

?Non lle fai falta. Acceden polo código.

?Atendede, Babecas! Para que isto funcione, o nigrotécnico ten que solicitar o código das beberaxes que lle inocularon ao finado, xa que os insuflados agora pertencen ás patentes das farmacéuticas Pfizer, Johnson & Johnson, Moderna, AstraZeneca, etc.

—Que sabedoría! Déixasme parva, miña irmá! Xesús!, agora o meu home, para que cale, vaime dicir: «O deus que te patentou!».

—Tes razón, muller, eu prefería o de antes: «O deus que te fixo!», que era máis familiar.

—O meu, cando se enfada, dime: «O deus que te matriculou!»

—Pois eu case o vexo mellor, porque o meu sempre me di: «Ata miquiajo na c... que te botou!».

A portaventá da solaina abre mainiño e o conclave, así coma quen, dispérsase rompendo filas.

Domingo Regueira

É natural de

Palmeira. Arqueólogo,

acuarelista e

escritor de

narracións

minimais.