Orfandades

MARÍA CARRODEGUAS

BARBANZA

cedida

Sempre sentín unha fonda dor por ser orfa de todos os meus avós e de todas as miñas avoas

26 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A que mola a miña foto? É a familia da miña nai, máis ou menos hai cen anos. Miña nai é a máis nova das mulleres, de feito aínda unha adolescente. O único home é o seu pai, o meu avó materno; non o coñecín. En verdade sempre sentín unha fonda dor por ser orfa de todos os meus avós e de todas as miñas avoas. Falando de orfandades, miña nai non coñeceu a súa; esas tres irmás que se ven na foto fixeron de nais para ela e de avoas para min, aínda que, loxicamente, sempre lles chamamos irmás e tías respectivamente.

Sinto esta foto como algo moi especial. Está tomada ao lado da casa familiar. A construción que se ve á dereita da maior das miñas tías é o hórreo e a casa estaba, e está, ao outro lado. Tamén aparece o can na foto, ao pé do meu avó, aínda que penso que na copia non se aprecia. É unha foto da familia ao completo.

Nunca ata agora pensei nisto do que me acabo de decatar agora: na curiosa composición que fixo o fotógrafo ao poñer en valor as catro figuras femininas, sen que o pai, que está sentado, e polo tanto nun plano inferior, perda nin un ápice do protagonismo que lle corresponde.

O meu recordo amoroso para todas as persoas desta foto, fotógrafo incluído; tamén para o can e para a paisaxe (no caso da paisaxe estendo o recordo mais aló do que vemos… moito máis aló…).