O BNG critica que a Xunta esqueza a Boiro e A Pobra nos Orzamentos e presenta emendas por 10 millóns

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Rosana Pérez y Olaia Fernández
Rosana Pérez y Olaia Fernández Benito Ordóñez

A deputada nacionalista Rosana Pérez critica que cada ano se fixen fondos nos presupostos para a ampliación do hospital «pero nunca se executan»

20 nov 2022 . Actualizado a las 20:43 h.

«Parece que Barbanza só ten dous concellos». Con esta frase recriminaba a deputada Rosana Fernández a falta de investimentos para A Pobra e Boiro que detectou nos Orzamentos da Xunta e aos que o BNG presentou emendas que no seu conxunto suman dez millóns de euros. A pobrense, xunto co responsable comarcal, Luís Pérez, e o concelleiro boirense Carlos Ansoar, criticaron a falta de investimento en materia sanitaria «porque seguen fechados os consultorios de Cabo de Cruz e Taragoña, e agora a veciñanza de Corrubedo xa se concentra para evitar o peche do seu».

Rosana Pérez critica, ademais, que cada ano se fixen fondos nos presupostos para a ampliación do hospital «pero nunca se executan», e esixe que se aborde a obra e que se dote a Ribeira dunha ambulancia medicalizada.

No eido de política social e educación, propoñen a incorporación dunha partida por importe de 2,5 millóns de euros para crear unha residencia en Boiro e adecuar o Pazo de Rianxiño como centro de día. A maiores, reivindican a reforma integral do colexio Castealo rianxeiro «que adoece dunha mellora das instalacións que permita desenvolver a súa actividade».

O BNG volve á carga cunha antiga reivindicación: a conexión ferroviaria de Barbanza, e neste sentido propón elaborar un estudo «buscando poñer solución a unha necesidade que afecta a toda a sociedade barbancesa».

En medio ambiente, os nacionalistas propoñen completar o saneamento integral de Rianxo; en cultura, musealizar a casa de Rafael Dieste. E non se esquecen das instalacións portuarias, para as que piden dous millóns de euros para o mantemento dos portos e un para abrir canles no comercial da Pobra.

Finalmente, o BNG barbancés insta á Xunta destinar 150.000 euros a accións específicas no Parque Natural de Corrubedo.