A normativa

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

18 nov 2022 . Actualizado a las 14:41 h.

Creo que todo o mundo está de acordo en que ficaba pendente a regulación do acceso de espazos tan vulnerables como os illotes da ría de Arousa. En primeiro lugar, porque son un patrimonio fundamental do noso territorio tanto desde o punto de vista natural como cultural. O segundo, porque non é difícil intuír que nun desenvolvemento intelixente —e sustentable— do sector turístico das dúas Arousas, estes illotes son uns recursos centrais.

Nese sentido, non hai moita discusión posible. Só temos que comprobar -con todas as súas controversias- o salto cualitativo que significou o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Crearon marca e o acceso restrinxido non fixo outra cousa que favorecer o interese.

Agora ben, a regulación dos illotes do medio da ría supón novos desafíos en relación ao caso das grandes illas da boca das rías. Tanto polo tipo de usos económicos actuais como polo feito de estaren no medio e medio de toda a batifoula de vida e actividade do mar de Arousa.

Nese sentido, algunhas reclamacións de Asnauga como unha maior flexibilidade co paso das embarcacións nas regatas ou o acceso de embarcacións individuais (non de empresas), preservando parte do uso social que tiveron os illotes durante as últimas décadas, teñen todo o sentido.

Porén, creo que o illote de Rúa tamén debe entrar no lote. O bo que teñen as normativas é que no fondo só son un documento Word que acaba mudando nun texto do Diario Oficial. Pódense reescribir cando sexa preciso e en función da experiencia.