A militancia do BNG ribeirense homenaxeou a cinco membros históricos da formación

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

BARBANZA

CEDIDA

Xosé Vázquez Cobas, Dores Vidal, Xosé Antón Parada, Vicente Paz e Luís Pérez Barral recibiron o agradecemento polo seu labor no Bloque

13 nov 2022 . Actualizado a las 18:29 h.

O BNG de Ribeira viviu esta fin de semana una emotiva celebración coa homenaxe que a militancia da formación quixo renderlle a cinco membros históricos da agrupación ribeirense. Foi unha forma de agradecemento polo labor que esas cinco persoas desenvolveron nos últimos anos ocupando importantes responsabilidades a nivel local dentro da organización nacionalista.

O voceiro do grupo municipal do BNG ata hai uns meses, Xosé Vázquez Cobas, foi un dos galardoados polo seu incansable traballo como portavoz; tamén recibiron o agradecemento dos membros da formación Dores Vidal Peón, que ocupou a acta de concelleira nuns momentos decisivos, e Xosé Antón Parada, a quen se lle recoñeceu a súa entrega desde a fundación do BNG. Vicente Paz Carou, responsable local do Bloque durante a última década, tamén tivo a súa homenaxe, ao igual que Luís Pérez Barral, quen tomou o relevo e a quen a formación quixo agradecer o seu labor incansable polo ben de Ribeira.

Recordo agarimoso

Todos eles recibiron un obsequio durante un acto no que tamén houbo un recordo moi especial para Xosé Alberte, responsable local do BNG ribeirense durante anos e falecido no 2014.

Trala entrega dos agasallos, tomou a palabra a deputada nacionalista no Parlamento galego Rosana Pérez, quen puxo en valor os anos de militancia nacionalista dos cinco galardoados, «que tiveron que afrontar situacións difíciles, pero conseguiron deixar un Bloque máis forte, unido e capaz de liderar o vindeiro goberno de Ribeira». Neste sentido, subliñou que o executivo local está esgotado e que «fronte ese goberno sen ideas, estivo e está o BNG, sempre a carón das loitas sociais».

Pola súa banda, o actual voceiro do BNG ribeirense, Luís Pérez Barral, aproveitou para agradecer todo o traballo feito pola militancia na localidade, sen a cal, asegurou, «non tería sido posíbel chegar ao momento no que hoxe estamos, preparados para gobernar Ribeira defendendo os intereses da veciñanza por riba de todo».