As fotografías de persoas falecidas, unha arte que vén de antigo
29 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Semella claro que non imos conquistar a eternidade, e moito máis logo da vulnerabilidade que a pandemia nos descubriu. Os nosos entregos vivían a morte dun xeito máis normalizado que agora, e proba diso foi o nacemento das fotografías mortuorias, unha disciplina que naceu canda a mesma fotografía. Pode parecer unha arte «grotesca» mais non debemos esquecer que xa civilizacións anteriores á nosa levan feito cousas polo estilo. Os exipcios creaban máscaras mortuorias, os romanos deixaron, amais destas, manes e pinturas dos antepasados finados e, durante o barroco, retratos de cada defunto. Se ben se mira é algo que permanece a día de hoxe: nas necrolóxicas e recordatorios adoita poñerse unha foto do falecido, pero con vida.
Vexamos a importancia deste tipo de retratos, a primeira vista non exentos de morbo. Contextualicemos, logo. Co nacemento da fotografía, naceu tamén a posibilidade de atrapar a aquiescencia do momento, das persoas —algo que só os ricos podían permitirse pagándolle a un bo pintor— un proceso longo e laborioso polo que as persoas debían estar quedas un bo anaco coa única finalidade de que a imaxe pasase á posteridade. As fotografías de persoas falecidas poden ser do máis variadas, en posturas habituais, sentadas, cos ollos abertos e rodeadas dos seus familiares, recostadas sobre algún familiar ou no mesmo ataúde. De cote vestíanse coas mellores galas e con algo que as identificase co seu oficio. No caso dos cativos, cos brinquedos de máis uso ou no colo dos pais. Estas fotografías eran, as máis das veces, o único recordo físico que gardaban para si as familias.
Aínda quedan na Galiza un gran número de fotografías de mortos, na súa gran maioría, fotos de anxiños, así chamadas todas as crianciñas que pasaban este transo, pois incorporaríanse ao «coro celestial» do que falan os cristiáns, algo que se herda directamente dende o medievo, no que as lápidas acollían inscricións e relevos de anxos. Así mesmo, nestas fotografías adoita atoparse un gran simbolismo, pois os ataúdes ían decorados con flores, para lembrar o paraíso e a inocencia, incluso a virxindade.
Culto aos defuntos
E a par disto, deberiamos dicir que a lembranza dos defuntos dende este medievo do que anteriormente falabamos foi unha custodia sempre feminina. Un culto aos defuntos que mesmo chegaba a selarse cun contrato matrimonial, no que a muller se comprometía a manter viva a memoria dos que xa non estaban. Reparastes algunha vez en que a preparación dos cadáveres, o rito do abellón (aquela ladaíña que rodeaba a velación), a imposición das ofrendas, a limpeza e posta de flores, sempre a fan as mulleres? A salvagarda familiar como herdo feminino. Así pois, moitos destes memento mori («lembra que morrerás») foron gardados coidadosamente en caixas de lata celosamente custodiados polas mulleres da familia, coma este mesmo que acompaña o artigo.
Moitas de nós lembramos ir de pequenas ao cemiterio coas nosas avoas a limpar sepulturas e panteóns, a poñer flores e a comer zonchos para librar as ánimas do purgatorio. Ritos que nos unen con outros pobos e outras latitudes, porque a dor, a ofrenda e a memoria séntese igual en calquera zona do planeta.
Dicía Machado «a morte é algo que non debemos temer porque, mentres somos, a morte non é e cando a morte é, nós non somos».