O son dun mundo diferente, quizais un pouco prendido á propia diferenza e sonoridade deste novo feixe de poemas que Pepe Cáccamo
29 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O son das teclas dunha Traveller de Luxe extraeu o tempo do tempo. Trouxo, mentres se imprimían as páxinas, o fondo sonoro da era mecanográfica, da era do timbre telefónico, das motos Vespa, dos adros con nenos, do sol na esca e dos voceiros xornalísticos. Mesmo unha fenomenoloxía evocada, nesta do torbón da présa. O son dun mundo diferente, quizais un pouco prendido á propia diferenza e sonoridade deste novo feixe de poemas que Pepe Cáccamo, experimentalmente, nos achega, acompañados por delicadas pezas plásticas que tamén engadiu, unha a unha, da súa man.
Unllas da pescuda. Sucos da legoña —rastros polícromos— do pensamento. Do mesmo xeito en que a voz modela as palabras, os conceptos, os fonemas, anovando ou inventando a linguaxe, os dedos conforman ou deforman intuitivamente a liña, e a idea xoga co grafismo. Aí a lideira do Serendos obsolimos, que Pepe Cáccamo calla coma libro nunha singularidade que é xa un feito artístico literario de carácter pola súa propia afirmación, pola contundencia coa que di o que é, non só por estar elaborado artesanalmente, cos poemas mecanografados un a un, constituíndo cada folla un intre vivo, senón tamén pola conxugación das pezas pictóricas.
Lapas de cor escrita. Ronseis de tinta en mar de trapo. Sinaturas de paxaro escribidor, tamén doutro tempo. As páxinas intervidas plasticamente, coma a que ven de ilustración acó, esixiron unha andada de probas e decisións, un labor de man e de lombo, case agrícola, que lles da esa fasquía coma agomante, natural, auténtica coma o azo mesmo da arte. O acto libre, instintivo e flexiblemente conceptualizado, confírelle ese sentido aos nos visuais, acaído complemento da oroxenia mecanográfica.
Minimalismo vocacional
Partindo dun minimalismo vocacional e povera (tinta, grafía e xogo), Pepe Cáccamo vai directo á semente expresiva, ao seu primeiro impulso, en sintonía coa voz limpa, case que música exhalada, da cor e dos poemas.
Serendos obsolimos requeriu centos de horas de traballo, de coidados, de concentración, de dúbidas, de revelacións. Pepe Cáccamo é cualificado coma un dos artistas máis activos, referenciais e influentes desde os oitenta ata hoxe; mais do que non cabe dúbida é da súa importancia como factor de acendido; como estímulo; como explorador e desbrozador de novos vieiros.
Volvo dicir que coido que nos atopamos diante dunha singularidade no acervo artístico literario galego. Probablemente mesmo alén del. Unha cuádrupla pinchacarneira entre o poemario da lingua inventada, a súa plasmación mecanográfica, a intervención directa e a montaxe manual do libro. Coido tamén que é unha outra e importante porta, desas que abre adoito Pepe Cáccamo, desta volta xunto co obradoiro do Bourel, a tecer pezas diferentes, entre Vilaboa e Ribeira.