Forza da natureza aloumiñada dende a Pedra d´Abalar, un acto de fe absoluta que tranquiliza dous intrépidos mariños, mentres a voz doce e agarimosa da Señora, indica a rota e o lugar para depositar o corpo xacente. Retornar sobre mar maino, ondas finadas que aseguran o paso do misterioso navío sen complicacións. Aradomar, dende a embarcación renden culto axeonllados a tanta magnificencia pétrea, cons absortos na admiración da senlleira danza no solpor, onde os deuses deixan o seu sangue.
Segue a viaxe flotando sobre ardora, mentres os tripulantes soñan mergullados na plácida ardentía. Luminosidade reverberando dende o prateado brial de murmurio engaiolante. Bambear no adormecer da parella tripulante, soñar no vaivén do mar da Arousa. Atordados pola danza das ondas finadas, mais que logran visualizar a unha e outra ribeira unha orografía de cumes que os observan dende a indiferenza da súa maxestosa beleza.
O corpóreo dos milagres procura, despois dunha viaxe apocalíptica, acougo definitivo en terras vizosas para sobrevivir no imperturbable paso do tempo. No espertar consciente, Teodoro e Atanasio non dan creto, a pétrea flotante navega contra corrente loitando coas augas do Ulla.
Incredulidade, mesmo nos fieis discípulos, non é necesaria a súa intervención, a embarcación queda de súpeto ancorada por si mesma nun remanso do río Sar.
Axiña o dúo foi quen de amarrar. Eran conscientes desa necesidade para asegurar perfectamente o encargo. O Pedrón, chanzo destacado no lugar, facilitoulle a misión e, así, os acompañantes do amortallado corpo inician a incursión en terra coa derradeira encomenda da súa misión. Fatigados da tumultuosa e prolongada viaxe mariña, sen demora penetran en terras descoñecidas, cun único obxectivo, acadar unha morada segura na eternidade para o corpo do seu Señor.
Castro Lupario, a fortaleza dunha dama dominante na contorna foi o seu primeiro contacto en territorio hostil…
Porén, a historia segue latente, na actualidade con varios vieiros logrou popularidade e semella que aceptación social.