Dúas ou tres historias

BARBANZA

27 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegará o tempo de lembrar os nosos mortos nas sobremesas, e neses momentos, entre pousos de café de pota, atoparemos unha certeza: mesmo os mortos máis queridos non son nada máis que dúas ou tres historias na nosa memoria compartida. Unha vida enteira de vivencias, de lembranzas, do traballo e da familia rematan nun limitado conxunto de recordos dignos de ser contados. Se hai sorte e a finada ou finado era de verba fácil, podería deixar sementadas dúas ou tres expresións chuscas que sobrevivirán de xeración en xeración.

Nada hai máis líquido e cambiante que o pasado, cando botamos man á memoria para recuperalo. A memoria lima as partes máis ásperas, borra as máis duras ou vergoñentas, atravesa os vellos recordos de acordo a como nos fora a feira neles e así os lembraramos. Conforme os anos van pasado, docificaremos ou endureceremos as historias conforme a nosa consideración do defunto, si. Pero rara vez renovaremos o repertorio de glosas. Será a historia do día do salón recreativo, ou aquela vez que se apañaron patacas e mallou sen querer no can, ou como lle contestou a aquel médico prepotente.

Pode parecer pouco, pero é relativo. Pensen nos deuses, que moitas veces non dispoñen de biografías contables máis complexas nin poéticas —nin épicas— que os sucedidos do noso avó pescando polbos ou as aventuras dun amigo tentando beber copas de balde en Bumerang.

Ao morrer convertémonos nese par de historias que resumen o que fomos. Mellor non enterarse de cales escollen para nós.