Coidadosos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

«Non dubido que ese desleixo se estenda ao interior das casas e teño claro que vén directamente da educación que nos implementan»

18 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro que achamos cando volvemos dunha viaxe a un estado dos considerados civilizados é o aseo do noso aeroporto sen papel hixiénico, e nalgún caso, algún ouriño fóra do seu lugar. Non é simplemente por falta de mantemento, senón por falta de educación social, de empatía, de civismo.

Deixando a un lado os países nos que hai familias que viven de venderche o papel hixiénico e limpar os aseos públicos, como Exipto, India ou Venezuela, é costume estremar a hixiene —e saúde, de paso— nos lugares públicos como os de transporte, museos, universidades ou teatros, pero tamén sucede nos locais de hostalería ou comercios, onde é difícil acadar o cento por cento de limpeza. É unha das chamadas Marca España, e ten que ver moito coa educación, e que podemos estender ás pintadas nas fachadas, os papeis no chan público ou a conservación do mobiliario público.

Non dubido que ese desleixo se estenda ao interior das casas e teño claro que vén directamente da educación que nos implementan, carente de empatías e de valores básicos. Hai un dito que me gusta que di que deixes as cousas como a ti che gustaría atopalas, pero non se aplica con moita frecuencia, ou talvez moita xente estea afeita a ter nas súas casas todo desleixado.

Non quero imaxinar como teñen que sentirse as persoas con alerxias específicas, que prefiren non entrar neses lugares públicos, que son de todos e todos teríamos que coidar como nosos que son, que nos saen dos impostos.

Lémbrome do artigo que escribín sobre o Xapón, país no que son os nenos os que limpan as escolas, e deste xeito aprecian a diferenza.