O engado das fotos

BARBANZA

06 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Deputación Provincial da Coruña homenaxeou esta semana aos Malvárez como fotógrafos históricos da provincia. Estes muradáns súmanse así a unha lista de profesionais do século XX que, repartidos por toda A Coruña, compoñen unha fascinante ollada ás xentes de toda condición durante o século.

Creo que aínda non temos abondo valorados estes arquivos locais. En parte porque na fotografía, a verdade é que non entendo moi ben o motivo, sempre todo é difícil. Moito máis que a recuperación da obra de escritores —poetas, narradores, ensaístas—. Algunhas das coleccións históricas de fotografía máis importantes de Galicia continúan hoxe en día sen seren accesibles ao público en xeral, malia estaren en mans públicas.

O Concello de Foz puxo en marcha un interesante arquivo dixital no que polo momento levan subidas 530 fotografías. Son fondos familiares e municipais que dan conta da relación da veciñanza co mar, prestando especial atención ás mulleres —conserveiras, pescantinas—. Non hai máis que dar un paseo polo fondo para decatarse do inmenso valor da fotografía, ás veces tirada polos profesionais locais e outras polos propios veciños.

Os responsables do arquivo foron intelixentes e comezaron a aproveitar os grupos locais de fotos de Facebook, que son unha vizosa fonte de información condenada a desaparecer se alguén non lle presta atención. Non sería unha boa idea constituír un fondo comarcal de fotografías que nos permitira gozar deste legado reunindo estas coleccións? Eu aínda podo achegar algunha estampa.