Nas paredes do Farmassia

Ramón Ares Noal
Moncho Ares BARLOVENTO

BARBANZA

03 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Oamigo Caamaño ten no bar Farmassia un debuxo no que se ve unha porca cun feixe de porquiños mamando e unha inscrición semellante a esta: «Esta é a porca da política, vinde todos a mamar». Cadansúa cría, ten as siglas dun partido. Non é orixinal o debuxo, pois está baseado nunha litografía publicada en 1900 no primeiro número do xornal A Paródia, que se tiraba en Lisboa a principios do século XX e que durou nos quioscos sete anos, e que se titulaba A política: A grande porca. Din as crónicas, que deseños como o da porca pretendían ser «uma crítica mordaz ao estado da Nação».

O dito de que «se as paredes falaran» cúmprese a medias no Farmassia, porque algo din. Ademais da porca da política hai outro cadro dun Mariano Rajoy metalizado coa inscrición: «Pouco a pouco estoume a converter nun home de folla de lata». O cadro foi feito polo ferreiro artista de Taragoña Che Tembra hai anos, cando aínda non era tan coñecido no mundo dos creadores barbanceses. Xa chamaba a atención a caricatura feita con anacos de ferro, pero máis sorprendente era que a fixera con refugallo de ferro, dándolle outra vida e utilidade a desfeitos, e estoume a referir ao material.

E por se fose pouco o que ler nas paredes do Farmassia, a carón da porta reza outro cadro: «Abrimos cando chegamos, cerramos cando nos vamos e si vés e non estamos, é que non coincidimos».

Falan as paredes do Farmassia, pero non o contan todo, porque levan moitos anos sendo testemuñas do día e da noite de Boiro, das acaídas frases de Caamaño e das súas orixinais ocorrencias.