O décimo terceiro Atlante péchase co reto cumprido da universalidade

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Javier Expósito fixa como novo obxectivo a consecución dun espazo axeitado para a biblioteca de libros ilustrados, que suma máis de oito mil exemplares

02 oct 2022 . Actualizado a las 16:53 h.

Coa entrega de galardóns pechouse unha nova edición, a décimo terceira, do Premio Atlante que concede o Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital. O certame, como ben dixo o director do centro artístico, Xoán Pastor Rodríguez, confirmou a súa universalidade. Recibiu, nesta ocasión, máis de douscentos traballos asinados por 170 artistas de vinte países.

Tamén o fundador do museo, Javier Expósito, fixo fincapé nesa universalidade, referíndose a ela non só para falar do Atlante, senón que a fixo extensible á entidade organizadora: «É o museo do gravado máis importante do mundo, porque contén gravados antigos e contemporáneos, pero tamén unha biblioteca do libro ilustrado única en Galicia, que atesoura xa máis de oito mil volumes». Neste sentido, aproveitou para fixar como novo reto a consecución dun espazo axeitado para estes exemplares.

No seu discurso, Javier Expósito volveu facer unha alegación en defensa do rural: «Hai que loitar para que teña museos tan importantes como os das grandes cidades». Para seguir fortalecendo o centro artístico que el levantou nunha zona rural de Ribeira, Artes, apostou por alongar no tempo o comodato asinado co Concello e incluso estendelo, facendo mención á Deputación e á Xunta.

 

Exposición das obras

Ademais da entrega dos galardóns, o acto tiña como finalidade inaugurar unha exposición integrada por unha escola das estampas que concorreron ao certame, para a que se publicou o correspondente catálogo. José Manuel López Vázquez, catedrático de Historia da Arte na USC, explicou os criterios que seguiu o xurado á hora de facer a selección: «Tentamos expoñer todas as facetas artísticas para amosar as distintas posibilidades do gravado, tanto desde o punto de vista temático como de técnicas».

O pintor e gravador Alfonso Costa foi o encargado de ler a acta do xurado, momento tralo que se procedeu á entrega de premios aos artistas presentes. O máis importante, o Ramiro Carregal Rey, foi recollido polo madrileño Francisco de Santos Moro; mentres que os tres Atlante foron para Yolanda Carbajales, Vinicius Sordi e Elisabetta Gomirato. Pola súa banda, Nerea Cordeiro fíxose co galardón reservado aos artistas galegos.

Dando todos os presentes o Atlante como un certame consolidado, avogaron por unha longa vida para o premio. O primeiro en facelo foi Ramiro Carregal, que agradeceu a implicación de todas as partes que fan posible esta iniciativa artística, e o segundo, Anxo Lorenzo, o secretario xeral de Cultura. Este tamén destacou a importancia que ten o museo: «Funciona como un centro que lle achega un enorme dinamismo cultural á zona, conta cunha biblioteca ilustrada que é unha auténtica xoia e é capaz de manter estes premios con proxección internacional».

Ademais de brindar o apoio da Xunta para vindeiros proxectos, Anxo Lorenzo convidou ao museo ribeirense a participar, o vindeiro ano, nos actos que se organizarán con motivo dos 50 anos da morte de Picasso: «Será unha boa oportunidade para amosar a calidade dos fondos que aquí se conservan».

A música estivo presente na entrega dos Atlante. A cerimonia contou coa participación de Alba Tubío, saxofonista, e de Juan Pérez Ortega, pianista.