Tura di que na súa traxectoria docente aprendeu máis do que ensinou
01 oct 2022 . Actualizado a las 11:53 h.As primeiras imaxes que lembro do meu convidado son as dun futbolista brillante que nos alegraba as tardes dos domingos. Estou cun home querido e admirado, Manuel Ventura Mariño Paz, Tura. Diagnosticado dunha fibrose que lle minguaba o alento, respira grazas a un pulmón alleo desde hai dous anos. É un dos seres máis disciplinados que coñezo, non deixou un día de camiñar sete ou oito quilómetros pola horta ou pola rúa. Así regateou o covid e facilitou a súa recuperación. Mestre, deportista, e compositor nas horas libres, compartimos máis ca o segundo apelido e a profesión: na súa casa vin, de nena, o primeiro tocadiscos, e escoitei a Serrat. Xa de mozo defendía a igualdade: súa irmá, menor, era a encargada de fregar; el pechaba a porta e axudaba. Logo saía co balón.
?Tura, es o primeiro universitario da familia?
—Pensaba estudar náutica. Meu pai navegaba e eu, engatusado cos seus relatos, quería ser capitán. Cando empecei quinto de Bacharelato veu á casa por Reis e preguntoume que ía estudar. Conteille a miña idea e quitouma da cabeza: «Un capitán gana moito máis ca min pero, os meses no mar pásaos igual. Mellor pensa noutra cousa». Entón díxenlle que me gustaba o ensino e, ao día seguinte, fomos ao colexio Galaxia —onde algúns amigos, coma Arestín, estudaban maxisterio—, e pediulle ao director que me admitira, empezado o curso. Alí preparábannos, os exames eran por libre, en Pontevedra. Logo viría a mili. Eu debía examinarme de tres grupos para a reválida de maxisterio, e deume tempo a facer só dous. Pensei que alá podería preparar o outro, pero non foi así. Non tiña horas libres, e logo enfermei de pleuresía, o que me tivo 4 meses no hospital de Ferrol.
?Sempre impartiches aulas en Castiñeiras?
—Un día visitáronme don Ricardo (sacerdote), e Arestín (mestre), que fixeran nun local de Castiñeiras a escola chamada O Bon Pastor para coller os rapaces que xa fixeran a primeira comuñón, pois non podían seguir no colexio das monxas. Pedíronme substituír a Arestín, que ía á mili por terra. Ese local dividiuse: unha parte para o culto —antes era só na capela das monxas—, e outra para escola. Aceptei o cargo e, en xuño, fun aprobar o exame que me faltaba, e solicitei o título. Tiña 72 alumnos, de todas as idades. Cando Arestín volveu ás aulas, dividimos os rapaces. Dous anos máis tarde houbo acordos coa directiva das monxas pois, coa lei de Villar Palasí, o alumnado non tería que pagar se había un mínimo por aula, e uníronse as escolas. Dende entón formei parte do colexio Sagrado Corazón de Jesús 44 anos.
—Que tiñan de especiais os recreos?
—Como profesor de Educación Física, un dos meus obxectivos era aprenderlles un deporte distinto cada ano. Eles e eu sabiamos só de fútbol. Un trimestre introducimos baloncesto, (masculino e feminino sempre), outro ano balonmán, e outro voleibol (neste deporte nunca tivemos nivel suficiente para competir). En fútbol sala feminino ganamos algún campionato galego. Nos recreos tiña montadas dúas ligas simultáneas e, para que non lles fosen incompatibles o baloncesto (ou outro) na pista de arriba e o fútbol na de abaixo, facían os equipos de xeito que se alternaban cada semana.
?Cal é o balance de tantos anos de ensino?
—O balance é que aprendín alí máis do que ensinei. Onde máis aprendín foi no patio. Vin morrer infancias, nacer adolescencias e primeiros amores. Coñecín rapaces que na aula pasaban desapercibidos. Sorprendeume o pobo de Castiñeiras: sempre ten a porta aberta, e se chegas á hora de xantar non te podes ir sen comer. Son tamén esixentes para a educación dos fillos/as, e comprometidos para axudar na organización de tarefas extraescolares.
—Fuches tamén sempre futbolista?
—É outra gran paixón, paralela ao estudo e ao traballo. Nacín nunha casa á beira do campo de fútbol municipal que había en Frións. Xoguei desde sempre. Pasabamos o tempo libre no campo, algúns con máis tino ca outros. O xastre Manuel García, olleador do Compostela, levounos a cinco de Ribeira para probarnos. Xogamos alí a tempada 67-68, no equipo xuvenil. Iamos nun taxi dous días adestrar e o domingo xogar. Rematado o curso quixeron ficharnos para o equipo grande, pero non ofrecían nada: nin pensión pagada para estudar alí. Como nese ano se creou o Atlético de Ribeira decidín quedar aquí. Foi o meu club ata que colguei as botas aos 30 anos por mor dunha lesión crónica de nortello. Vivín moitas tardes memorables, tanto de ascensos á terceira división galega, como derrotas sonadas.
O profesor Ventura contaxiou o gusto polo deporte nos anos determinantes da formación da persoa. Nas súas aulas forxáronse cantidade de deportistas destacados en fútbol, ciclismo, atletismo ou natación. Agora marca un gol diario e adestra para alongar a prórroga e volver cantar as súas letras aos acordes da súa guitarra.