Lendo con prismáticos

Xosé Ricardo Losada ACASOS

BARBANZA

01 oct 2022 . Actualizado a las 11:45 h.

Á medida que pasan os anos a miña relación coa natureza está cambiando. Antes desfrutaba os bosques do monte Pena fixándome simplemente na masa arbórea, sen necesidade de pensar que había fadas ou gnomos na follaxe, e gozaba a ría de Arousa na súa calma chicha, sen necesidade de evocar o Urco. É máis. Observando as paisaxes naturais sentía que a súa beleza fora creada para que eu as contemplase. Xa non. Agora, por moito que intente evitalo, estimúlanme pensamentos cada vez máis profundos. Explicareivos por que contándovos o que me pasou o outro día.

Fun ver paxaros ás dunas de Corrubedo, parada e fonda de aves migratorias e, véndoos voar, recordei un artigo de Sánchez Ron no que aborda dous enigmas sobre as migracións das aves, esas viaxes que poden chegar aos 11.000 quilómetros de distancia e a 5 de altura. O primeiro, de onde sacan a enerxía, e responde que maioritariamente da graxa; de feito, prepáranse para emigrar engordando. O segundo, como se orientan, e revela que algunhas utilizan a ubicación do sol, sen que se saiba con seguridade como manteñen o rumbo ao cambiar a posición do astro rei, ou nos días nubrados e de noite. Moitos científicos din que usan o campo magnético terrestre, detectado polos criptocromos, unhas proteínas moi sensibles á luz que aparecen en gran cantidade nas súas retinas.

E sabedes que pensei a continuación, aínda observando aves? Non o ides crer. Se os criptocromos podían considerarse fadas ou urcos, e a ciencia, unha lenda. E, con ese problema filosófico na cabeza, vendo a felicidade dos amigos que me acompañaban, e que miraban os paxaros como o que realmente son, paxaros, a piques de desesperar polo meu exceso de intelectualismo, ocorréuseme aceptar os prismáticos que antes rexeitara. E así, mirando en fite os ollos dun mazarico, decateime por fin da razón daquel cambio que sufrira a miña percepción da natureza. Agora, de vello, xa non percibo a súa beleza, percibo a súa máis absoluta indiferenza.

Menos mal que se levantou unha lixeira brisa. É a única que aínda me fai sentir que a Natureza sabe que existo.