Os autores poden enviar os traballos ata o 30 de novembro e o gañador recibirá tres mil euros
22 sep 2022 . Actualizado a las 14:28 h.O Concello da Pobra, a Editorial Galaxia e a asociación Barbantia volven a sumar forzas para promover o quinto Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. Trátase dun certame que busca homenaxear ao escritor xa falecido e animar a produción de textos en galego.
Como nas edicións anteriores, haberá un único gañador, que se fará cun premio en metálico de tres mil euros. Ademais, o seu texto será publicado na colección Árbore da Editorial Galaxia e repartiranse exemplares entre a rapazada da Pobra.
As bases introducen algúns cambios, por exemplo, o incremento das vías de entrega dos orixinais mediante pendrive ou no enderezo electrónico premioliterario.cultura@apobra.gal. Nelas tamén figura que non poderán presentarse autores que acadasen a distinción nas últimas catro convocatorias e que a entrega do premio se fará coincidir coa presentación da obra galardoada, unha vez editada.
A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, puxo de manifesto que o certame literario constitúe xa un referente no panorama galego, aspecto no cal coincidiu Francisco Castro, director xeral de Galaxia, quen destacou o alto nivel dos relatos presentados, agás na terceira convocatoria, cando quedou sen adxudicar por considerar o xurado que ningún acadaba a suficiente calidade.
En representación de Barbantia, o seu presidente, Manuel Cartea, salientou a fecunda e frutífera traxectoria profesional de Carlos Mosteiro; mentres que Lourdes Briones, viúva do escritor, tivo palabras de agradecemento para as institucións impulsoras, ao tempo que animou á xente a participar, facendo especial énfase na mocidade.
O prazo de recepción de orixinais rematará o 30 de novembro. O xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio na literatura infantil, unha delas da propia editorial. As bases completas e o documento de solicitude están á disposición nas páxinas web das entidades promotoras.
Xosé Antonio Neira Cruz, que xa gañara a segunda edición do certame, fíxose tamén co premio o ano pasado.