A compañía Airiños volve aos escenarios

M. X. B.

BARBANZA

cedida

Reaparece con «República Sideral», peza de Esther F. Carrodeguas gañadora do Barriga Verde

22 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Airiños, a compañía afeccionada máis antiga de Galicia, volve ás táboas con novo espectáculo. Trátase de República Sideral, unha peza da dramaturga rianxeira Esther F. Carrodeguas que resultou gañadora da décimo cuarta edición do premio Barriga Verde no 2020, na modalidade de textos para teatro de monicreques dirixido a adultos. Será a primeira vez que esta obra se leve aos escenarios, cunha proposta que está dirixida por Amantia Coello e que será protagonizada por actores de carne e óso.

Baseada nunha historia real, República Sideral é unha farsa que narra a fundación da república da Illa de Arousa na década dos 30. Á hora de compoñer o texto, a súa autora botou man de orixinais personaxes, unha boa dose de humor e dunha fusión entre acontecementos históricos e fantasía. O espectáculo redondéase cun vestiario e un espazo escénicos coidados e creativos.

Desde a compañía rianxeira explicaron que, tal e como sucedeu coas montaxes anteriores, o obxectivo principal é «pasar co público un bo tempo compartindo este anaquiño da historia, para que non caia no esquecemento».

Compra de entradas

Con motivo da estrea da obra, Airiños ofrecerá dous pases, mañá e o sábado, no auditorio Arcos Moldes de Rianxo. As dúas citas foron fixadas para as 21.00 horas e as entradas terán un custe de tres euros, agás para as persoas maiores, que poderán acceder de forma gratuíta. Os billetes xa están á venda na perruquería Pelos e no Xacobiño de Asados, así como no bar Berberecho rianxeiro. Tamén se poderán adquirir os días da función, no propio auditorio.

Despois da estrea na casa, a compañía fundada no ano 1933 emprenderá unha xira por diferentes localidades de Galicia. De feito, na súa axenda xa figuran lugares como Padrón e A Pobra, estando pendentes de confirmar outras paradas. A que si está pechada é unha función na illa portuguesa de Madeira. A actuación do elenco que dirixe Amanda Coello terá lugar o vindeiro día 9 de outubro, no marco do Festival de Teatro de Funchal.