Antía Alberte: «As miñas ilustracións son de todos, baséanse no que a xente fai e di» 

adriana quesada / m. a. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A artista realiza viñetas sobre problemáticas e situacións do día a día

19 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A ilustración é un modo de expresión que tamén funciona como salvavidas. Un conduto de saída ás situacións impostas pola realidade e unha forma de amosalas ao mundo. Iso é para Antía Alberte (Palmeira, 1994), quen pasou por un proceso de depresión que a fixo crear unha personaxe que, aínda que nun principio vivía pechada en textos, rematou por facerse a protagonista de numerosas viñetas: La chica de la pisa.

Despois de mudarse a Ourense no 2015 para estudar Enxeñería Medioambiental, pasou por unha etapa complicada que a levou a expresarse por medio desta personaxe. Para Antía Alberte, ese tempo foi «un proceso malo do que saíu algo bo». Debido á importancia que tiña para ela este proxecto, tras rematar a carreira decidiu meterse en Ilustración, onde aprendeu novas formas de expresión para poder levar a cabo as súa súas viñetas.

Nos seus debuxos, a ilustradora busca representar aspectos da vida cotiá que «pode vivir calquera muller que nacera, coma min, nos 90». Por medio de viñetas que falan de feminismo, críticas sociais ou situacións emocionais complexas, Antía proclama que La chica de la pisa non é ela, senón que «podería ser calquera outra» xa que amosa esas situacións que afronta todo o mundo.

Cando publica as súas viñetas moitos sinalan que «lle gusta dar de que falar». Non obstante, a palmeirá asegura que todo o que representa son situacións baseadas no que ve e escoita do resto da xente. «O meu contido esperta polas cousas que fan as persoas, non debuxo nada que non forme parte da realidade», comenta a artista. Desta forma, pretende crear viñetas que reaccionen ante situacións reais que se ven no día a día.

A pesar de que a súa protagonista é La chica de la pisa o certo é que debuxa outra personaxe que tamén ten moita presenza nas súas viñetas. Este é un bicho que, nun inicio, representaba a depresión pero que, co paso do tempo, rematou por facerse «ese Pepito Grilo que todos temos, unha conciencia».

De súpeto converteuse na representación dunha parte de nós mesmos, «un ser co que convivimos, podería dicirse que é a outra parte da relación tóxica que mantemos co noso ser». Para a súa descubridora, é imposible desfacerse do bicho xa que, a pesar de que en ocasións é «feo e desagradable», ás veces tamén da bos consellos e faise imprescindible. «Es ti quen ten que aprender a identificar o lado bo e o malo», asegura.

Feminismo e inspiración

«Cando pasas por unha depresión deixas de lado a túa aparencia física e a xente fala, tanto dentro como fora da casa», asegura Antía Alberte. Escoitando os comentarios da xente do seu redor sobre o desmellorada que estaba, comezou a reflexionar acerca do motivo daquelas críticas: «Decateime de que todos eran máis esixentes coa miña aparencia porque son muller».

Por este motivo, o feminismo é unha parte importante do seu traballo, xa que é un movemento co que se sente identificada. Desta forma, tamén tenta romper cos tabús e ilustrar o que defende. Este labor queda exemplificada coa súa baralla, na que substituíu os elementos tradicionais por outros que forman parte da vida diaria da muller: «Por exemplo, as copas cambieinas por copas menstruais e as espadas son navallas de afeitar».

A pesar da boa acollida do seu traballo, admite que a pandemia dificultou moito as cousas. «Deixei de poder asistir a mercados e facer presentacións xusto cando saquei a segunda edición da baralla», comenta. Isto fixo que as vendas foran algo máis complicadas, pero iso non a desanima a seguir traballando e creando novos produtos e viñetas.