Rúas como retretes

BARBANZA

18 ago 2022 . Actualizado a las 05:10 h.

Ouhh! Non podía crer o que me acababan de contar. Ao parecer, alá polo ano 2022, nos meses de verán, había festas en todos os pobos de Barbanza e, na maioría deles, amais dos bares, poñíanse barras nas que se servían bebidas dabondo: cervexas, cubatas, gintonics, calimochos e todo canto levase alcol. Uns bebíanas alí mesmo, mentres outros levábanas a lugares máis ou menos discretos onde as bebían e, loxicamente, coas vexigas cheas, mexaban en grupo: os homes contra as paredes, cando non por enriba das soleiras das ventás, segundo alcanzasen, e as mulleres pois á súa maneira.

—Qué conto me estás a contar! E logo, no ano 2022, nas festas, non poñían urinarios públicos onde se puideran facer as lóxicas necesidades biolóxicas despois dunha enchente de líquido?

—Pois non. Os bares tiñan servizos pero algúns pechábaos para que non servisen de retretes públicos que provocaban atascos nos obradoiros de evacuar cando a xente ía facer as súas necesidades líquidas ou sólidas a segundo lle cadrase... E polo visto, aos bares non lle era moi doado controlar o xentío, clientes ou non, que entraban a facer o que tiñan que facer para darlle alivio as súas tripas e vexigas.

—Ou sexa que todos as rúas... pois vaia que cheiro! Claro que daquela aínda non existirían instalacións portátiles...

—Si muller si. Había dabondo casetas con WC biolóxicos e doutros tipos, pero tan só os poñían nas capitais dos concellos. Polo visto, cos cartos das festas non se podían atender esas necesidades, e ás autoridades sanitarias, como non lle chegaba o cheiro nin mollaban os zapatos coas pozas das avenidas, miraban para outro lado. Amais, xa sabían que nas parroquias encargábanse os veciños de baldear as rúas con auga e lixivia ao día seguinte.

—Pero paréceme incrible que iso pasase no 2022... Non estarás a falar de anos atrás?

—Que non muller. Lémbrome que foi naquel ano despois da pandemia do virus ese. Por certo, miña aboa contábame que despois das festas, crecíanlle mellor as plantas dos maceteiros. Mira!, alí ven o señor alcalde e ninguén coma el, pois leva moitos anos na alcaldía e é responsable da sanidade, para dicir si é certo ou non o que che estou a contar.