Manola García: A noiesa que cumpriu 100 anos tras emigrar a Venezuela e superar dúas guerras

Adriana quesada / s. g. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Relata as súas lembranzas da toma da vila na contenda de 1936

17 ago 2022 . Actualizado a las 14:55 h.

O século XX é coñecido por ser o máis turbulento e intenso da historia, con acontecementos como a Segunda Guerra Mundial ou a guerra civil española. Non obstante, a pesar de que os libros son considerados os maiores coñecedores dese tempo, o certo é que aínda quedan persoas como Manola García (Noia, 1922), que viviu aqueles anos e é quen de falar deles.

Procedente dunha familia de clase traballadora, foi a primeira de dez irmáns. «Meu pai era patrón dun barco de vela dos que había antes, e era normal que eu quedara na casa cargando con toda a responsabilidade», asegura. Por ese motivo considera que non tivo «unha infancia de nena», senón que sempre tiña traballos que facer e coidar dos seus irmáns.

«O pouco que xoguei foi grazas ao meu avó», comenta. Cando a súa nai a mandaba a traballar ou non a deixaba ir á escola para que atendera as tarefas do fogar, o seu avó insistía en que «tiña que facer cousas de nena». Así foi como puido asistir á escola da profesora doña Manoliña Suárez, que rematou pechando e obrigándoa a cambiar á escola de doña Mercedes.

Coches e soldados

O día que estalou a Guerra Civil, Manola tiña 14 anos e estaba soa na casa: «Cando os meus pais se decataron do que estaba a pasar, regresaron correndo». Non obstante, recorda especialmente o medo que pasou o día que o bando sublevado tomou a vila de Noia: «Eu estaba indo cara a praza a comprar e vin unha fila de coches e soldados, caéuseme o mundo enriba».

A partir dese día, a súa vida cambiou por completo. «Só tíñamos festa cando os sublevados tomaban unha aldea porque facían un desfile e nós íamos por aí cantando o Cara al sol», asegura. Naquel momento non era consciente do que significaba esa canción, chegando a recordar o que cantaron o día da toma de Toledo: «Un, dous, tres, Toledo noso é».

Pero admite que durante a ditadura non o pasaron ben, sobre todo debido á escaseza de comida: «Fixeron o racionamento, eu ía á fila co meu irmán Basilio e, coma non sabían que éramos familia, levábamos dúas barras de pan». Aínda que, nunha ocasión, detiveron ó seu irmán por culpa dunha pelexa con outro rapaz que tentaba colarse: «Leváronnos ao xulgado, sendo uns nenos».

Tamén lembra que durante os anos da guerra prohibiron facer comuñóns, pero cando as cousas se calmaron a súa profesora pedíralles dividirse entre as que puideran celebrala e as que non: «Eu era unha mangallona, así que coloqueime coas maiores a pesar de non tela feita. Así foi como a fixen, mentindo».

Lonxe de Galicia

Despois, aos 22 anos casou e, dez anos despois, emigrou co seu marido a Venezuela, onde traballou nunha xastrería. «Tiña medo de que o meu home marchara só porque moitos deles formaban alí unha familia e non regresaban, pero el prometeume que en menos de dous anos estaría alí con el e cumpriu», asegura.

Para ela o confinamento foi algo digno de ciencia ficción: «Vivín de todo, pero nada parecido». A pesar de contraer a enfermidade, levouna «sen ningún problema». Agora descansa na súa casa vendo a televisión, sobre todo concursos. A pesar de todo o vivido, asegura que non pode dar consellos para conseguir chegar á súa idade: «Eu non tiven unha vida especial, traballei sempre».