O finadiño monstro de Guatemala

Olegario Sampedro CAIXA DE CORREO

BARBANZA

09 ago 2022 . Actualizado a las 12:39 h.

En una grieta surgida durante el terremoto de Guatemala se oyó el feroz rugido de una bestia: «El Monstruo de Guatemala, the Guatemala´s Monster! Se alimenta de carne humana!».

Así comezaba unha arrepiante gravación vomitada en bucle dende uns potentes altofalantes e declamada por unha penetrante voz masculina. Prometía a máis aterradora das atraccións que unha barraca de feira nunca antes anunciara. Hoxe, e a pesar de que o meu contaquilómetros vital acumula moitos díxitos, aquela alocución segue a encabezar o podio da miña persoal fonoteca emocional.

As feiras e as verbenas xeran sustento a milleiros de profesionais que incansablemente fertilizan unha parte substancial da nosa existencia: o lecer. Panem et circenses (pan e circo) razoaban os cucos dirixentes da antiga Roma, sabedores de que manter cheo o bandullo e o tempo libre da cidadanía eran o mellor garante para conservala silente e mansa. Lonxe este espurio interese romano, certo é que a vida só con pan non é vida, senón mera subsistencia. As celebracións, ademais de desfrute, alimentan a identidade social e o sentido de pertenza á colectividade.