O BNG reclama ao Goberno que se paralicen os traballos no banco marisqueiro de A Marxa

LA VOZ RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

«Demarcación de Costas en ningún momento se puxo en contacto ou realizou comunicación algunha á confraría», afirmou Néstor Rego

20 jul 2022 . Actualizado a las 08:06 h.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de trasladarlle ao Goberno a necesidade de paralizar de xeito inmediato as obras que se están realizando no banco marisqueiro de A Marxa, en Cabo de Cruz. Rego requiriulle ao Ministerio de Transición Ecológica que escoite as reclamacións da confraría de Cabo e acorde un plan de actuación coas mariscadoras para conciliar a conservación da produción de marisco.

Aínda que os traballos que está realizando unha empresa local conta coa autorización de Demarcación de Costas do Estado, o deputado afirma que a súa concesión non tivo en conta que afectaría de maneira negativa ás mariscadoras da zona.

«Demarcación de Costas en ningún momento se puxo en contacto ou realizou comunicación algunha á confraría, informándoa sobre a realización das obras ou de cando se ía a dar comezo ás mesmas. Isto impediu que os profesionais puidesen realizar as actuación que permitisen salvar a produción de bivalvos no areal, ou un plan de coordinación que permitise protexer os dereitos e intereses da confraría», afirmou Rego.

«Será necesario avaliar os danos causados á produción acuícola e marisqueira por autorizar a entrada na concesión de maquinaria pesada e a escavación na area», destacou o deputado nacionalista.