El minifundio es característico de Galicia
El minifundio es característico de Galicia ROI FERNANDEZ

19 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A lexislación urbanística de Galicia, antes da chegada de Cuíña, establecía o parámetro de 2.000 metros como unidade mínima de cultivo, e mesmo servía de condición indispensable para poder edificar en solo rústico. Aínda que parecese unha dimensión aleatoria, e aínda que fose homoxénea para toda a comunidade —algo que carecía de sentido—, responde á medida de catro ferrados de Brión, Forcarei, Cedeira ou Cerdido, pero queda moi afastada nos concellos con ferrados pequenos, como Redondela, Soutomaior ou Pazos de Borbén, cuxa estrutura territorial tamén é ben distinta.

En todo caso, son dimensións agrícolas acaídas para levar a cabo o modelo de explotación agrícola que a Unesco recomenda para acabar coa fame no mundo. Xa temos comprobado que en Galicia as fincas de grandes dimensións rompen a estrutura dos camiños necesarios e destrúen o ciclo da auga deseñado na idade media, tamén un modelo aplaudido pola Unesco.

O problema histórico de Galicia foi distribuír esas unidades mínimas de cultivo entre os fillos, a partes iguais, chegando a dimensións inútiles para o agro. O minifundio é un fantástico sistema para conseguir todo tipo de colleitas, pero o microfundio actual non ten valor agrícola ningún. Tamén temos comprobado como o modelo de concentración parcelaria tamén foi erróneo, estragando un sistema agrícola centenario, porque nin respecta os camiños nin as augas. Intercambiar e compensar terras sen alterar a estrutura territorial para conseguir parcelas de catro ferrados é o mellor sistema para implantar en Galicia un agro rendible e sustentable.