Sacarlle partido a xullo

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

«De súpeto chega o verán, os días parecen ofrecer garantía de algo parecido ao bo tempo, e pensas que chegaches ata aquí traballando demasiadas horas e sen ser consciente de canto medraron os días»

07 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As miñas entradas ao mes de xullo son como esas sestas invernais de sábado nas que te traspapelas e cando espertas xa é pola noite e sentes unha culpabilidade tremenda por non ter aproveitado a tarde. De súpeto chega o verán, os días parecen ofrecer garantía de algo parecido ao bo tempo, e pensas que chegaches ata aquí traballando demasiadas horas e sen ser consciente de canto medraron os días. Porque se hai tantas horas de luz será por algo, e non é precisamente para que se teña a oportunidade de teclear máis no ordenador.

Estes días estiven traballando cunha colección fotográfica dos anos 50. Un fotógrafo recolleu a vida da súa aldea, situada no interior de Galicia, cando volvía a ela de vacacións. O final da década dos 50 na fotografía galega é un tempo curioso: segue existindo esa Galicia rural, pero xa se percibe certa mellora das condicións económicas, e iso alegra as instantáneas. Obsérvanse os duros traballos do verán, coa sega e a malla como raíñas. Pero tamén se admira a ledicia que o bo tempo, o retorno dos emigrantes e as festas espertaban na xente. Esas longas mesas de banquetes, a roupa de estrea para acudir ás sesións vermú, esa dignidade nos peiteados e tamén afeitados. O verán era naquela época tempo de traballos, claro que si, pero sobre todo era tempo de celebración e non perdían unha.

Cada vez compartimentamos máis as vacacións. É dicir, cada vez traballamos máis no período de verán. E o problema do traballo é que a moitos nos consume a atención. Deberamos non esquecer a lección dos nosos avós: non hai vida se non se aproveita todo o que ela ofrece.