A Pachina, a anfitrioa de todas as vodas e gran embaixadora de Taragoña

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A Pachina, hace unos años en la cocina de su restaurante.
A Pachina, hace unos años en la cocina de su restaurante. CARMELA QUEIJEIRO

Camen Meda, fundadora de Casa Pachín, faleceu aos 90 anos

30 jun 2022 . Actualizado a las 17:09 h.

Da nada, conseguiu facer de Casa Pachín o templo das vodas. Pola súa mesa pasaron os políticos máis influíntes, de Fernández Albor a Fraga, e a ningún deixou marchar sen o compromiso de melloras para a súa parroquia. Así era Carmen Meda, a Pachina, unha muller de carácter, botada para diante e unha gran negocianta que se converteu na mellor embaixadora de Taragoña e, sobre todo, a gran anfitrioa das parellas de escolleron o seu local para casar.

Ata ben entrada en anos, a Pachina seguiu supervisando cada prato que saía da cociña do restaurante e que non faltara detalle nas mesas duns salóns nos que se festexaron incontables celebracións. Era, porque todo hai que dicilo, un pouco mandona, e as cousas tiñan que facerse ao seu xeito, e ben feitas. O normal en alguén que dedicou a súa vida a levantar un negocio. Carmen foi unha muller emprendedora e a comezos dos anos 50 montou co seu home unha pequena taberna que logo se converteu nun restaurante, e xa nos 60 comezaron a celebrar vodas.

Traballadora incansable, antes de ter o primeiro comedor e de estenderse o costume de celebrar os enlaces en restaurantes, ela mesma ía de casa de casa preparando as comidas para as vodas. Podería dicirse que foi pioneira no que hoxe se coñece como cáterings, e chegou a servir comidas en Corrubedo e en Ribeira. Nesa época, os camareiros envolvían cubertos e vaixelas nuns manteis e marchaban con todo ao lombo no autobús de liña.

Ela ía en coche, porque, xa daquela, foi das poucas da súa xeración que sacou o carné de conducir. Primeiro aprendeu a andar en moto e logo a manexar un coche, e seguíu ao volante ata que a obrigaron a deixalo. Custou o seu, porque a Pachina era moita Pachina.

Bos tempos

Os comezos foron difíciles, pero chegaron os bos tempos, nos que se celebraban vodas incluso entre semana e había lista de agarda para poder celebrar o banquete en Casa Pachín. O seguinte paso foi montar o hostal, que naceu un pouco por casualidade e un pouco polo seu carácter resolto. Un día chegaron pola porta unhas parellas de Madrid con rapaces, andaban de viaxe e non tiñan onde durmir, así que a Pachina mandou ás súas fillas a durmir con ela e cedeulles o seu cuarto aos visitantes. Os madrileños volveron a Taragoña os 30 anos seguintes, e Carmen veu aí outra vía de negocio.

Non adoitaba pedir permiso para nada, «era a que máis mandaba» din os seus, que lembran que, se decidía ampliar un salón para os banquetes ou as habitacións do hostal, facíao, moitas veces sen consultalo co seu home. Levábao de viaxe e para cando volvían a obra xa non tiña marcha atrás.

E mentres reinvestía o que gañaba en facer medrar o negocio, non esqueceu a súa parroquia. Puxo a cara diante das Administracións para que se fixeran proxectos importantes, como o centro cultural, o Campo Maneiro -onde se puxo unha fonte que os veciños quixeron que levara o nome da Pachina- ou o peirao. Quería que «Taragoña teña todo o que merece», dixo un día. E ese é o seu legado.