«A Pobra ten un goberno forte, capaz de tomar decisións e de executalas»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Xosé Lois Piñeiro bota en falla unha oposición construtiva e interesada polas cuestións importantes

26 jun 2022 . Actualizado a las 19:47 h.

Complicados e tremendamente laboriosos. Así foron os tres primeiros anos do actual mandato para o alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro. No seu caso, aos problemas que supuxo a xestión dun concello no marco dunha pandemia mundial xuntáronse as dificultades dun goberno en minoría, que logo se solucionaron cun pacto co BNG. E agora, cando se empeza a ver a luz, xorden os brotes dunha crise económica que a este rexedor lle preocupa especialmente.

—Foi máis complicado do previsto o arranque en minoría?

—A integración do PSOE serviunos para rachar coa imaxe que había de que non eramos capaces de pactar, pero a situación foi complicada, porque non conseguimos sacar adiante asuntos importantes.

—Foi por iso que se buscou o pacto co BNG?

—O pacto buscouse desde o principio. Despois do primeiro mandato, cando a relación co BNG non foi boa, eles tamén se deron conta de que a situación non conducía a nada. O obxectivo de ter maioría era importante, pero tamén valoramos moi positivamente a incorporación ao goberno de novas persoas con gañas de traballar, como se demostrou.

—Ten agora A Pobra do Caramiñal un goberno forte?

—A Pobra ten un goberno forte, capaz de tomar decisións e de executalas. A valoración é positiva e será a cidadanía a que avalíe o esforzo de cada partido, pero conseguimos estabilidade. Foi unha mágoa que xusto cando empezabamos a funcionar chegara o covid.

—Custou gobernar no inesperado marco da pandemia?

—Paliar os seus efectos absorbeu todo o esforzo e supuxo un traballo inxente a nivel de servizos, conciliación, limpeza... Colleunos ademais nun momento de licitación de obras que quedaron esquecidas. O peor é que despois chegou unha crise global con peores repercusións desde o punto de vista socioeconómico. Hai unha gran inestabilidade e posiblemente haberá problemas, porque as empresas non son capaces de manter os orzamentos. O gasto social, que confiabamos en que se vira reducido trala pandemia, segue a ser elevado e iso vai condicionar a capacidade económica do Concello.

—A oposición, a pandemia, a crise... Cal é o inimigo máis duro?

—Todos son problemas complicados, porque requiren un esforzo extra, pero está claro que ter proxectos e non poder executalos é moi frustrante. Penso que o máis triste foi lidar coa oposición, porque se podía ter evitado.

—Bota en falla unha oposición máis construtiva?

—Penso que non foi para nada construtiva e dedicouse a polemizar en asuntos pouco importantes para a cidadanía, como pode ser o logo corporativo do Concello.

Antes de converterse en alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro era mestre de Bioloxía no IES Espiñeira.

—Bota en falla as aulas?

—O que máis boto en falla é a actualización científica á que me obrigaba o meu traballo. Se estivera de mestre cando irrompeu a pandemia tería aprendido todo sobre o covid, porque teño unha gran vocación. Agora o traballo non me deixa tempo.

—Permítelle ter algunha afección?

—Teño moitas, pero non me dá a vida para atender todas. Sigo en contacto coa natureza, facendo saídas e indo a parques naturais. Fágoo sobre todo coa miña filla. Tamén me gusta a lectura e o deporte.

—Que considera que é o mellor de ser alcalde?

—O momento no que un proxecto se finaliza. Tamén botar a vista atrás e ver todo o que se fixo ou cando os veciños amosan o seu agradecemento. Na noite de San Xoán achegáronse varios rapaces para facerse fotos comigo. Aí comprobas que non todo son queixas e iso é o que che anima a seguir loitando.

—Cal é o seu recuncho preferido da Pobra?

—É unha pregunta complicada, porque desde que son alcalde aumentou o meu coñecemento do territorio. Quedo co final do paseo do Maño, desde onde se ve A Curota, o casco urbano, as naves dos Areos. Alí, na auga, penso no que queda por facer.

«Un dos grandes retos é humanizar e mellorar a accesibilidade na AC-305»

Non é novo nas lides políticas, pois este é o segundo mandato de Xosé Lois Piñeiro á fronte do Concello pobrense. Explica que mantén a liña de goberno da etapa anterior.

—Que obxectivos se marcou ao comezo deste mandato?

—Continuar co estilo de goberno que nos propuxemos no 2015, moi próximo á cidadanía; brindar un trato igualitario; e antepoñer o interese público. A nivel de accións concretas, ampliar o saneamento, mellorar as infraestruturas deportivas, protexer o patrimonio, ampliar a cobertura social, dinamizar o turismo...

—A día de hoxe, cales son as grandes materias pendentes?

—A máis importante é ser capaz de ter unha Administración áxil á hora de executar, pero iso non depende só do noso traballo. A obra da pista de atletismo depende de que a empresa presente toda a documentación para xustificar que é capaz de executar o proxecto e para rehabilitar as naves dos Areos xa se fixo o proxecto e se mantiveron reunións con Costas. Un dos grandes retos é humanizar e mellorar a accesibilidade na AC-305, ao seu paso pola vila. Trataremos de esbozar algo este ano, porque queremos que a cidadanía opine.

—Cando reabrirá o polideportivo de Venecia?

—A finais de xullo ou comezos de agosto podería estar para abrir, aínda que despois haberá peches puntuais para necesidades que foron xurdindo, como a mellora da pista.

—En que punto se atopa a ampliación da Tomada?

—Hai uns días tiven unha reunión coa xerente de SEA. Queremos amplialo, aínda que hai infraestruturas necesarias, como a planta potabilizadora de Padrón, pero tamén pensamos na creación doutro polígono de maiores dimensións. Daremos algúns pasos este mesmo ano.

—Con tantos proxectos en marcha, pensa na reelección?

—Poñereime a disposición da asemblea. Estes anos significaron un esforzo tremendo, pero non temos un proxecto esgotado, ao contrario, hai gañas.

EN CURTO