Baldo Ramos: Un artista total

EME CARTEA

BARBANZA

CEDIDA

25 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende que por «accidente» Kandinski descobre a abstracción lírica a primeiros do século XX, a arte ábrese á obra total, de primixenia pureza. Parafraseando a Horacio, ut pictura poesis (et musica): contemplación, meditación, emoción, utopía, ritmo..., sen referencialidade figurativa que nos distraia do ensimesmamento extático e hipnótico que unha obra de arte nos produce.

O estilo abstracto, en Baldo Ramos é esa rara avis que azoroña a paisaxe con exquisita ousadía e nos incita con formas insinuadas nun complexo xogo de sensacións sinestésicas, máis alá do trazo ou da mancha, en cor ou branco e negro. Un abstractismo no que o que importa está en como a obra di (forma, composición e cor), non no que di (contido, fondo, narración, historia...); a palabra pictórica é intransitiva, é «poesía muda», «música silenciosa», nas marxes da psicanálise ou do mito.

Vocabulario xerminal só apto para expresar estruturas simbólicas de acaecementos e, ao mellor, feitos estéticos que nos desvelan a natureza interna da pintura, froito dunha experiencia persoal, que medra no propio proceso de pintar. Xestualidade de orixe surrealista? Impremeditada pincelada matérica e textural ao chou? Proximidade do dripping? Pintura en acción? Talvez. Pero sen nunca afrouxar o leme da súa singradura poética, que aborda coa furia trincada de cada refacho pictórico.

Nel, a luminosidade do negro sobre o branco non é soporte nin sucedáneo de nada: é, en si, forma que expresa e suxire, que invoca nostalxias. É matriz eficaz, máxica radicalidade de orixes. De aí a súa espontánea expresión subxectiva, a violencia dramática do trazo angustiado, que nos levan ao expresionismo americano, á caligrafía chinesa, a Franz Kline, Robert Motherwell, Pierre Soulages...

Estilo non canónico que foxe do relanzo obstinado da mancha, e devén vigorosa brochada, agreste impulso, cadoiro conxelado no límite da caída. Un fondo de papel en branco tirado dun libro do poeta-autor en homenaxe a Rosalía, que funde as dúas orografías do cadro (palimpsesto e pintura) nunha soa «obra viva» cun texto manuscrito («Busquei unha patria na palabra... pero atopei o desterro»), de resonancias espaciais mallarmeanas. Pintura de intensidades musicais que estimula o noso inconsciente colectivo, empático e identitario. Son pequenos soliloquios sutís que dialogan secretamente coa xenuína credulidade do espectador, mallado nas redes da súa emotividade contemplativa.

E cando Baldo emprega a cor, sexa parcial, faino con entidade non complementaria, engado nin engadido. Nel a cor é linguaxe propia, forma continua e contido á vez. Materia e símbolo, tensión construtiva e espacial de tons e enerxías que nos arroupan con aura de avelaíña exquisitez ao redor do universo do libro, como artefacto de gozo e misterio. Un xogo contrastado de equilibrios hipnóticos entre o branco, o negro, a luz e a cor, ao abeiro das formas vagamente orgánicas que coutan e enfeitizan a composición.