Onde van os dous anos

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

MARCOS CREO

23 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Leo neste xornal que a comarca vai prender máis de mil lumes nesta noite de San Xoán e aínda me parecen poucos para todo o meigallo que nos temos que quitar do lombo. O outro día unha coñecida preguntoume onde foran parar estes dous anos. Gustaríame pensar que ao mesmo ventureiro lugar que eses billetes de vinte euros esquecidos no peto dunha cazadora e que aparecen tres anos despois xusto antes de pagar a túa ronda no bar. Porén, todos sabemos ben que se perderon nunha colada pola lavadora abaixo e flotarán agora, esfarelados en moléculas, no medio do mar.

Saltaremos para quitar o meigallo co fume das caixas vellas, os restos dos mobles de conglomerado e a roupa vella dos faiados; o fermoso do San Xoán é que o fume sagrado non procede dunha árbore mítica nin é custodiado por sete sacerdotisas, senón que prende a partir do que decidimos deixar atrás na vida. É ben bonito que nunha cultura tan aforradora como a galega se aproveiten os armarios vellos para invocar os poderes antigos e as vidas novas.

Confeso que eu non son moito de saltar na fogueira. En parte, por certa aprensión atávica, pero tamén debido a que, de adolescente, un chimpo mal calibrado fíxome apreciar a inmensa capacidade de propulsión das brasas ardentes cando fas pé nun monte delas. Tampouco é cousa de deixar os demais en evidencia.

Pero este ano, señoras e señores, saltarei. Abofé que si. E se ao facelo me caen vinte euros inesperados do peto cos que convidalos a un viño e unha sardiña, mellor que mellor.