Tamén as cidades

BARBANZA

02 jun 2022 . Actualizado a las 05:05 h.

Hai uns anos tocoume ser xurado dun concurso de redaccións escolares. Ás veces a vida ten momentos duros e ese é un deles. Pero en canto me mergullei naqueles textos infantís decateime de que lle había agradecer a encarga á amiga que mo pedira para sempre. E non uso a retranca.

Aqueles nenos e nenas tiñan que contar no texto que era para eles Galicia. Todos aludían a estampas sospeitosamente similares. Galicia era a súa avoa da aldea, as vacas, a empanada, a festa do patrón, os campos, unha carballeira, un mirador, a muiñeira. Resúltalles estraño? Se cadra non: son tópicos moi instalados. Pero eses rapaces nacidos a finais da década do 2000 tiñan case a mesma idea do país que os seus avós, cunha gran diferenza. Eles non naceran na aldea. Eran urbanitas. Coma os seus pais.

Decateime dun fenómeno intrigante: aqueles rapaces non identificaban o mundo no que vivían a diario con Galicia. Galicia era algo que ficaba fóra dos límites da súa cidade. E trala fronteira, o mundo moi distinto: agrario, esencial, paisaxe. Eles vivían noutro lugar. En cal? Boa pregunta.

Onte presentamos en Santiago de Compostela o proxecto Cidades no tempo, promovido pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a Fundación Cidade da Cultura e Afundación. Sete exposicións nas sete cidades galegas que reivindican o legado e a identidade, tamén urbana, de Galicia, de hoxe ata 2024.

Se as exposicións valen para que as novas xeracións saiban que o lugar no que viven é parte da mesma idea que o rural, algo teremos gañado.