Manel Monteagudo volve á poesía coa nova obra «Labirinto de soños»

Ramón Ares Noal
X. NOAL RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O autor noiés anunciou que xa está a traballar noutra publicación

29 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O noiés Manel Monteagudo ten demostrada a súa capacidade para a escrita, como se puxo de manifesto nos últimos tempos coa presentación de obras de prosa e poesía como Camiño á lagoa dos bardos, De mariño a poeta e Mar e vento. El mesmo confirma que é quen de estar noites enteiras tecleando, se non fose porque a súa dona acaba indo a buscalo de madrugada. Froito desa produtividade é tamén a súa nova obra, Labirinto de soños, que se presentou o venres na Sociedade Liceo de Noia, no acto mensual da asociación Barbantia.

 Co autor compareceron o alcalde de Noia, Santiago Freire; o presidente do Liceo, Óscar Prego; e os directivos de Barbantia María Xesús Blanco e Antón Riveiro Coello, asumindo a parte musical a soprano Esperanza Mara, que estremeceu aos asistentes coa interpretación de catro temas, entre eles, Negra sombra, Lela ou unha peza composta polo mestre Prudencio Romo.

Óscar Prego deu a benvida e agradeceu que a sede da entidade acollese de novo un acto de Barbantia no que se presenta un libro, subliñando a importancia de que saian publicacións precisamente estando ás portas do verán «unha boa ocasión para elixir libros e material para pasalo o mellor posible». Tendo cerca a presentación da obra De mariño a poeta, en setembro, indicou que lle parecía estar nun déjà vu».

O suplemento

Pola súa banda, Antón Riveiro Coello destacou inicialmente a importancia de que precisamente se presentase o número 175 do suplemento A Voz de Barbantia, o que cualificou de fito, por estar aínda saíndo á luz. Engadiu que a publicación quizais acabe superando aos que «formamos parte de Barbantia. Vai sumando anos, pero tamén os estamos a sumar nós», precisou.

O presidente fundador de Barbantia confesou que non esperaba estar alí presentado un libro de poesía, e que tamén a el lle parecía un déjà vu. «Non me gusta presentar libros de poesía, síntome un intruso no xénero, porque son máis de narrativa. A poesía é difícil de explicar, e obrígame a facer un gran esforzo», precisou.

Sobre a nova obra de Manel Monteagudo, explicou que, como na anterior, fala de amor e de mar, pero «tamén de feridas», e referiuse á poesía Hoxe comeza unha nova era, que Coello quixo entender que era unha declaración do autor para sinalar que volvía á poesía, fuxindo do ruído mediático no que se veu envolto recentemente: «Volve á poesía onde debes estar, Manel», recomendoulle ao autor.

En relación ás poesías, Riveiro Coello sinalou que se ve que o autor está metido na realidade, porque hai varias pezas que aluden a temas de actualidade, incluso ao coronavirus: «Está escrito con corazón e sensibilidade. Estamos ante unha poesía popular, ao alcance do público do común. É accesible». O escritor limiá asentado en Barbanza engadiu que se notaba unha progresión na calidade dos textos, e aconsellou a Manel Monteagudo que espace as publicacións.

María Xesús Blanco deu lectura a dúas poesías do libro, Aldeas abandonadas e Nubes grises, que para ela tiñan unha luminosidade especial.

 Manel Monteagudo, a continuación, tamén deu paso á lectura doutras dúas poesías. Ao remate, declarou que intenta facelo o mellor posible «si me gustan a min as miñas poesías, pois ofrézollas aos lectores, se non me gustan a min, non lle gustan a ninguén, e tiro con elas», sentenciou, e anunciou: «Vou seguir coa poesía. O próximo libro vai ser de poesía».

Santiago Freire expresou a súa satisfacción por estar na presentación da obra dun noiés como Manel Monteagudo, e agradeceu as referencias que fai a Noia.