María Goretti Bello Seráns, vitralista: «Expresarme a través da arte é unha necesidade case primaria»

OLEGARIO SAMPEDRO

BARBANZA

abraldes

Barbantia | A creadora asegura que ten unha paixón incumprida: a arquitectura

28 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha harmoniosa cadencia na fala e unha elegante expresividade son suficiente evidencia para caer na conta de que conversar con Goretti Bello é a entrada para desfrutar dunha inesperada, suxestiva e singular viaxe a un universo artístico e persoal único. Falamos cómplices en Ribeira, no cosmos do seu recente estreado estudio de vidreiras, envoltos nunha incrible gama de tonalidades que se proxectan tanto a través do prisma dos vidros das súas creacións como por medio da súas palabras, dos seus silencios e dos seus soños… Unha afable sensación que fai rememorar ese impío pracer co que nos reacciona a pel á morna chuvia do verán.

?Cando percibiches por vez primeira a túa pulsión pola arte?

—Xa dende moi pequena tiven un especial interese por expresarme e experimentar. Gustaba de bailar, debuxar, crear, proxectar espazos co Lego… Recordo que adoitaba ollar unha revista de arte que sempre había pola casa: Architectural Digest. Era unha curiosidade espontánea que non percibía como extraordinaria. Paradoxalmente o proceso deixou de ser natural cando empecei a advertir as trabas e reticencias que, naquela época, a sociedade, as familias e mesmo o sistema educativo poñían ao mundo da arte como unha opción válida de futuro profesional.

?Residiches en varios continentes. Como estimas que incidiu esa mobilidade no teu desenvolvemento artístico?

—Non creo, polo menos de maneira consciente, que iso supuxese un determinismo na miña traxectoria artística. Aínda que si é certo que os cambios xeraron cambios. Así, cando cheguei de moza a Ribeira descubrín unha conexión inédita coa natureza, co monte, co mar… Mesmo o silencio era unha primicia. Aquilo supuxo un vínculo enerxético cun contexto novidoso que, agora que o comentas, posiblemente acrecentou as miñas posibilidades creativas. En Australia tamén foi moi significativo aprender a técnica do Dot Painting, unha variedade de arte como terapia na que me iniciei co líder espiritual dunha tribo indíxena.

?Danza, teatro, pintura, arte dixital… Tocas todos os paus, parece que non teñas freos no mundo da arte.

—Expresarme a través da arte é unha necesidade case primaria. Gustaríame intensificala aínda máis explorando outros materiais como o ferro artístico ou proxectando instalacións de gran formato en vidro, metal e madeira.

Hai moito que me decatei de que persiste en min unha paixón incumprida: a arquitectura. É unha disciplina engaiolante, xa que permite crear espazos que se converten nuns dos maiores condicionantes dos sentidos e dos sentimentos: espazos que te liberen e que te aproximen ou espazos que te aprisionen. O vidro, en certa medida, tamén me autoriza a xogar co espazo.

?Que consideras crucial no proceso creativo?

—A disciplina. Ser sistemática e traballar. A inspiración é inesperada e flutuante, polo que intento que sempre me sorprenda faenando. Observa a Manuel Ayaso; é incansable. A súa capacidade de traballo e produción son descomunais, únicas. Manuel é unha referencia absoluta.

?Entenderás pois que é inevitable que a unha artista se lle pregunte polos seus referentes artísticos…

—A formación metódica en Historia da Arte é, sen dúbida, importantísima, pero sempre gardei un particular celo para que non me condicionase de forma explícita, polo que procuro non replicar nunca a ninguén de xeito consciente ou deliberado. Miró despregou un uso da cor único, amo a Kandinsky... Non obstante, quen realmente supuxo en min unha auténtica revelación foi Friedensreich Hundertwasser. Tiña 11 anos e a miña nai levoume a unha mostra en Sidney. Fíxate que aínda conservo o catálogo. O emprego dos tons prata e ouro é pura maxia. Aí si que admito que a miña propensión na utilización da cor prata é consecuencia do impacto deste artista.

?Como é o proceso do encargo dunha vidreira?

—Gústame conversar con calma co cliente, que me relate o que busca, os seus gustos, as súas finalidades. A elección das cores é determinante, un paso imprescindible para elaborar os bosquexos que nos permitan atopar conxuntamente a historia adecuada. Cada peza é unha obra única, unha composición cun innegable contido emocional para o fogar dunha familia. Unha vidreira debe ser concibida como un elemento que perdure durante xeracións.

?Levas pouco residindo na bisbarra. Que che chama a atención da súa vida cultural?

—Con absoluta sinceridade direiche que estou impactada pola incrible cantidade, calidade e versatilidade de artistas existente. Así e todo percibo que debería existir moita máis visibilidade e proxección. Resultaría unha perda colectiva e unha pena que quedásemos privados do desfrute de tanto talento.

Un súpeto cambio na luz do día distrae e desvía a súa mirada; as súas palabras quedan suspendidas no silencio. Intúo a imprevisible visita da inspiración. Un sacro instante que me sinto incapaz de violentar. Proseguimos a conversa… sen falar.

Unha indómita vea artística

Dende moi nena e á luz da bocanoite do seu Sidney natal, María Goretti Bello Seráns (Sidney, 1961) adoitaba espiar o planeta Venus. Un profético sinal do que se desprenderá un mandamento: as distancias e as fronteiras xamais enmarcarán límites.

Inaugurando a puberdade retorna a España coma prefacio dun don´t stop de residencias. Sen extraviar nunca a maleta onde garda esa galeguísima pulsión por preservar unha estreita vinculación coa súa familia, concilia moradas, paixóns e labores en Londres, Nova York, Barcelona, Mallorca, El Ejido…

Estuda Publicidade e Guións en Australia; en Londres, Serigrafía e Deseño Téxtil, e Deseño Teatral en Barcelona. Como complemento á alegoría heraclitiana do constante movemento, traballa como azafata aérea.

Á beira do río Hudson detona como unha creadora dotada dunha indómita e fecunda vea artística, ausente de prexuízos e allea a dogmas. É quen tanto de debuxar os deseños para un afamado ferreiro artístico como de iniciarse profesionalmente no mundo dos espazos dixitais.

Convértese en produtora para entidades como a Universidade ou a Sinfónica de Sidney. Navega con éxito con videocreacións e executa programas de danza. Expón en Melbourne.

Con poboacións indíxenas

Viaxa ao Perú. Afronta proxectos con poboacións indíxenas e aprende Dot Painting co líder espiritual da tribo Warlpiri. Desenvolve deseños músico-teatrais en Almería. Funda a primeira canle de televisión vía internet producida en España. Forma parte do vangardista proxecto Regenerations e será no Reino Unido onde confeccione a súa primeira vidreira.

Sen esquecer nunca que o orballo galaico anega o seu sangue, comisaría en Nova York unha mostra de pintores galegos. Simultaneamente, en Galicia, produce unha asisada serie de entrevistas a xentes do mar. En 2021 inaugura en Ribeira Alerquina, o seu obradoiro de vidreiras. Discreta e entusiasta, reúne un heteroxéneo grupo de artistas locais na colectiva Camiños da Arte ao tempo que, coa modestia que a singulariza, participa nunha exposición internacional de arte en Venecia.

Mentres, no luscofusco da ría de Arousa, aquela nena galego-australiana continúa, infatigable, tratando de arrincarlle os segredos a Venus.