En Francia non hai silveiras

José Vicente Domínguez
José Vicente Domínguez LATITUD 42°-34?, 8 N

BARBANZA

26 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Téñome movido por moitas partes de Francia por rúas, estradas e demais vieiros que dan acceso a pobos e cidades de norte, do sur e da vertente occidental. Fáltame toda a parte do leste e, polo tanto, non coñezo a Selva Negra nin todas esas rexións, pois por aí non andei.

Falando tan só do que coñezo, podo asegurarlles que nunca vin unha silveira polas cunetas e camiños nas coidadas inmediacións das moitas poboacións que Francia ten. Pero sei que aos franceses gústanlles as moras e fan con elas sobremesas e pratos exquisitos. Pero non conviven coas silveiras tal como facemos nós, nesta fermosa comarca da Barbanza: eles cómenas, pero téñenas controladas.

Lémbrome dun bo amigo ao que lle gustaba examinar de inglés aos americanos que viñan de vacacións, como se el coñecera a lingua de Shakespeare. Unha vez preguntoulle a un palmeirán residente nos Estados Unidos: Como se di ghaliñeiro en inglés? E, o desconcertado emigrante, despois de pensalo, respondeulle: Nos EE. UU. non hai ghaliñeiros... Pois logo, de onde veñen os polos? —retrucoulle o meu amigo—. Veñen da marqueta... ou de onde senón?

Pois do mesmo xeito, podemos dicir que en Francia non hai silveiras tal que aquí entre nós, pero aos franceses gústanlles as moras —ou as mûre, como eles din—, pero non deixan que tales plantas silvestres invadan os camiños nin, por suposto, as súas zonas urbanas.

Toda esta brincadeira vén a conto de comparar a limpeza e coidado dos nosos pobos, coa dos nosos veciños fronteirizos do norte. Aos habitantes de tras dos Perineos, non lles cabe na cachola que nalgúns camiños e beirarrúas da nosa comarca poida haber parcelas cheas de maleza, lixo e silveiras nas que, por suposto, a ninguén se lle ocorre arrincar froito algún, por boas moras que teña.

Por todo elo, cabe suxerir ás autoridades (sen ánimo de pretender ser Don Limpio), que se involucren máis no embelecemento dos pobos; non basta con limpar tan só o centro urbano onde radica o concello, tamén hai que limpar as parroquias que son a porta de entrada e dan a primeira impresión de como vai ser a hixiene e coidado de todo o conxunto.

Pero cando no corazón mesmo dalgún centro urbano vemos solares ben estercados (cando non convertidos en vertedoiros de lixo), nos que crecen fermosas silveiras, amén doutras familiares especies vexetais, que podemos pedir os parroquiáns limítrofes? Ou, como diría un francés: ¡Oh lalá, cet enxebre est la Galice!