Con frecuencia énchesenos a boca falando dos turistas estranxeiros, pero creo que no fondo a idea que temos do turista continúa a ser o desas familias numerosas madrileñas que aparecían pola comarca nos anos 80. Nestes momentos, a oportunidade para Galicia e para as nosas comarcas litorais está na canalización dun inxente número de turista europeo que chega con facilidade pola autoestrada do Cantábrico. Nestes días, os bos hoteis da Mariña luguesa rexistran xa un notable aforo de visitante europeo ou asiático de poder adquisitivo medio ou medio-alto.
Debemos ser conscientes de que o tipo de equipamentos e servizos que ofrecemos no país fai que por agora non debamos agardar o mesmo turismo de alto nivel que na Costa Azul ou mesmo que na Toscana. Esta é unha revolución silenciosa, pero real, que, polo momento, síntese pouco no Barbanza ou na Costa da Morte. Pero xa está aquí.
Todo isto sucede case como un milagre. Ás veces tento baleirar a miña cabeza e ver a nosa comarca como o faría alguén que descoñece por completo o territorio e a lingua ou linguas do país. E imaxínome os cacaos que se ía montar para acceder a algúns recursos ou gozar de determinados equipamentos. Como parte dun continente xeográfico e dunha unión política, deberamos dar pasos para crear espazos máis cómodos para os visitantes que son os nosos convenciños e, en certo xeito, concidadáns. Unha presenza máis decidida do inglés nos equipamentos culturais, como museos ou paneis, sería un primeiro paso máis que factible.