Unha fábula sobre a convivencia que leva a Neira Cruz a recibir o seu segundo Premio Carlos Mosteiro

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A obra será entregada aos escolares de entre 8 e 12 anos dos centros educativos da Pobra

21 may 2022 . Actualizado a las 18:42 h.

Propiciou o tempo de confinamento que o escritor Xosé Antonio Neira Cruz rescatase do seu ordenador unha obra inconclusa para a que, cos ollos do tempo, atopou o fío que lle permitía continuala. Cobra vida así o relato infantil Por mor de cinco pizzas aos catro queixos, que o autor define como unha fábula na que se fala da importancia de levarse ben: «De acoller aos diferentes».

O libro, no que os protagonistas son dous ratos que viven debaixo dun restaurante Italiano, narra como é necesaria a convivencia. Eles aprovéitanse da comida e, chegado o momento, tamén salvan ao dono do local dun atraco. Destaca Neira Cruz que é unha «obra concibida para divertirse» e recoñece que el mesmo tivo que parar de escribir por un ataque de risa.

Tamén conquistou ao xurado do Premio Carlos Mosteiro, que lle dou o galardón da cuarta edición, na que a contía incrementouse ata os 3.000 euros. O propio Neira Cruz xa o recibira na segunda edición.

Concello de A Pobra, Editorial Galaxia e Asociación Cultural Barbantia fan posible un certame literario que lembra a Carlos Mosteiro, a quen dedicou fermosas palabras o presidente de Barbantia, Manuel Cartea, quen o definiu como un gran transmisor de valores, «persoa amigable e próxima, socio fundador de Barbantia e gran escritor». Asegurou que Barbantia seguirá animando este premio e expresou a súa confianza de que continúe medrando.

Precisamente, ao desexo de consolidalo se referiu a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, indicando que se subiu a dotación económica para que colla máis forza. Lojo resaltou a figura de Mosteiro e mostrou o seu agradecemento a Barbantia.

O libro será entregado gratuitamente a escolares de todos los centros do municipio de entre 8 e 12 anos. O primeiro exemplar recibiuno Lourdes Briones, viúva de Carlos Mosteiro. No acto, o gañador estivo arroupado pola súa filla Elvira. Tamén participaron o director de produción da Editorial Galaxia, Xesús Domínguez e o alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro.