O público desafiou á chuvia e asistiu aos actos institucionais e de Barbantia
17 may 2022 . Actualizado a las 23:06 h.Coma un neno que estrea roupa na festa grande do pobo, así viviron moitos boirenses a celebración do Día das Letras Galegas na finca de Goiáns, dentro e no exterior do remocicado pazo e torre que, nos últimos dous días, estivo aberto ao público adquirindo un protagonismo que por momentos eclipsou os actos institucionais e da Asociación Cultural Barbantia, xa que os comentarios máis comúns dos que pasaron polo señorial escenario foron arredor do excelente resultado das obras.
Como dixo o alcalde, José Ramón Romero, queda aínda moito por facer, como a restauración da capela e doutras edificacións, o acondicionamento da contorna e encher de contidos a propiedade municipal, pero a de onte foi unha proba que se selou con nota, porque o que houbo de abondo foron contidos, a pesares de que houbo que suspender actuacións que estaban previstas para o exterior, a causa da chuvia.
Pola mañá, os postos do mercado de artesanía achegaron ao público dende obras do artista do refugallo Che Tembra, ata sancosmeiros, xogos de mesa infantís, xoias galegas e a demostración en directo de palilleiras, así como os postos das librarías Ler de A Pobra e Nobel de Boiro, ofrecendo volumes en galego, e o de Barbantia, que expoñía publicacións da entidade, como os anuarios, os recompilatorios de A Voz de Barbantia e outros.
Romaría tradicional
Como do que se trataba era de celebrar as Letras Galegas coma unha romaría tradicional, non faltou a pulpería nin a música tradicional, a cargo do grupo Pequenos do Barbanza, que ambientou o pazo, pero tamén o xantar, xa que non foi posible despregar as comidas pola ampla horta, detalle este e o percorrido da rede dos camiños que quedaron para outras datas, dado que as condicións meteorolóxicas impediron facer ambas actividades.
Xa pola tarde, tralo xantar, o alcalde, José Ramón Romero; a concelleira de Cultura, María Outeiral; e o presidente de Barbantia, Manuel Cartea, deron por abertos os actos cun acto institucional que, entre outros, contou coa presenza do escultor Cándido Pazos e o triatleta Iván Raña, que percorreron o inmoble.
Tralos discursos, deuse paso á presentación de dous libros: O caso dos amantes de París, de Manuel Alonso, quen interpretou catro cancións ao remate, e despois de responder ás interpelacións sobre a obra que lle fixo Elena Quinteiro; e Florencio Delgado Guarriarán. Polos vieiros da saudade, de Héctor Cajaraville, do que se encargou de formularlle preguntas sobre o libro o directivo de Barbantia Xesús Laíño.
Ambas presentacións, así como as actuacións de Esperanza Mara, da compañía de teatro Airiños e do grupo de pandereteiros Os da Porfía estiveron cheos de público, o que ratificou o éxito da celebración .

Homenaxe ás plumas locais en Noia
O escritor noiés Manuel López resultou gañador da vixésimo sexta edición do Certame Francisco Añón de Poesía, promovido polo Concello de Outes. Do seu traballo, Cruz(eiro), o xurado destacou a mestura de xéneros e a superposición de estados, para conseguir «dialogar moi acertadamente coa tradición literaria». Repartíronse o accésit Mercedes Rodríguez, polo poemario Refén, e Benjamín Vidal, que concorreu con Facsímile.
O fallo do xurado, que estivo formado polos poetas Jesús Castro e Sara Plaza, e polos profesores Fátima Rodríguez e Pedro Lamas, deuse a coñecer no acto de celebración do Día das Letras Galegas, no que se presentou a obra gañadora o ano pasado, Impostura, de Paula Antía Rey.
No resto das categorías resultaron vencedores Adrián Brea Rodríguez (A Estrada), Ana María Andrea Rucsanda (A Coruña), Aitor Pereiras Moimenta (A Estrada) e Laura Valeria Gutiérrez (Xinzo).

Manuel López lévase o Francisco Añón