Turismo QR

Carlos H. Fernández Couto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

ALBERTO LOPEZ

17 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Danse ultimamente dous factores que poden transformar o turismo en Galicia: cada vez hai menos bens patrimoniais que teñan unha persoa próxima que, de xeito altruísta, mostra aos turistas o interior de capelas, pequenos museos ou bens que apenas teñen visitas, sen deixar de ser do máximo interese patrimonial; esa vontade, baseada no orgullo de mostrar as xoias locais aos que chegan ao lugar, viña sendo desenvolta por persoas non profesionais que gardaban ese tesouro herdado e que vivían nas proximidades.

Por outra banda, novas tecnoloxías son posibles grazas aos contidos móbiles, xeitos de pagamento e conexións dixitais. Polo que nun futuro non moi lonxano, esas construcións de moito interese e pouco orzamento disporán dun sistema de acceso dixital, a través dun código que se introduce nun dispositivo colocado na porta, un código obtido no móbil do visitante tralo pagamento dunha pequena esmola dixital, a través das plataformas.

Terán que dispor, tamén, de cámaras interiores de vixilancia para controlar os movementos dos visitantes, evitando calquera tentación. En todo caso, cando unha persoa acceda ao interior, ademais de estar vixiada permanentemente, xa terá aportado os seus datos, o seu DNI e un número de conta, por se algunha desviación se produce sobre o concepto de visita desexado.

Claro que aforrará tamén postos de traballo, pois é o propio turista o que obtén a información do interior, sen contido emocional nin anécdotas interesantes que nos contan os mostradores actuais, pero poderemos visitar o noso patrimonio as 24 horas sen corsés de ningún tipo.