O pazo de Goiáns estrea unha nova andaina con Rosalía de Castro da man

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Unha figueiriña da finca da casa da poeta será testemuña da colaboración

17 may 2022 . Actualizado a las 21:09 h.

Lembrou o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, que o pazo de Goiáns tivo distintas propiedades ao longo da súa historia, e incluso foi sometido a reformas. E onte empezaba unha nova andaina, porque se procedeu á inauguración da recuperación e posta en valor da principal xoia arquitectónica do municipio, que, ao fin e ao cabo, cita que era a culminación dun proceso que empezou no ano 2010 cando foi adquirido polo Concello, continuo no 2019 cando comezaron as obras de rehabilitación ata chegar ao día de onte: a apertura das súas portas á sociedade boirense.

Si con tal motivo Boiro viviu un día histórico que quedará na memoria dos veciños e, como confesou, lembrará con orgullo o rexedor por ter o honor da apertura durante o seu mandato, sen deixar de nomear «a labor que fixeron os meus antecesores no cargo para facer realidade a consecución da propiedade», tamén o vai ser a relación da finca con Rosalía de Castro, xa que vaise plantar unha figueiriña da horta da Matanza que rodea a casa museo da poeta, como agradecemento á colaboración «de Boiro e todos os boirenses» na revista Follas Novas, como subliñou Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.

Numerosos boirenses non quixeron deixar pasar a ocasión de asistir a un acto que permanecerá na historia da vila. O alcalde lembrou que ao tempo que se fixeron as obras para recuperar o pazo limpouse e ordenouse a finca, e agradeceu o cariño e profesionalidade dos traballadores que se encargaron das actuacións. Detallou Romero que se respectaron os modelos de portas e ventás, e incluso dos solos. Non obstante, advertiu que queda moito por facer aínda.

En representación da Deputación da Coruña asistiu o delegado de Cultura, Xurxo Couto, quen rememorou os anos que exerceu docencia en Boiro e a pena que lle daba ver o pazo derruíndose.

Hoxe celebrarase na finca e no pazo de Goiáns o acto central do Días das Letras Galegas, data que conmemora aquel 17 de maio no que se publicou Cantares gallegos, e Couto sinalou que é o primeiro dos 365 que hai que dedicar ás nosas letras.

No mesmo acto de apertura do pazo de Goiáns presentouse o número 6 da revista Follas Novas, con cuxa publicación colaborou o Concello de Boiro.

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, aproveitou para felicitar aos boirenses por «esta gran vitoria», referíndose á recuperación da xoia arquitectónica, e agradeceu o apoio á revista. Lembrou que Rosalía é de todos, incluídos os boirenses, «e agora máis aínda», e explicou que nas súas poesías, a padronesa falaba dos camiños e as persoas de Boiro, porque fala da Galicia de entón. Dixo aos boirenses que a Casa Museo de Rosalía é «a vosa casa»

Tamén interveu o académico rianxeiro Xosé Luís Axeitos, que sinalou que a revista Follas Novas é unha constelación de estrelas orientadas por Rosalía de Castro, Explicou que cando se editou Cantares gallegos «había luces en Galicia, pero eran as dos vermes lucecús, agora, no 2022, miramos para arriba. E esta revista é unha desas pequenas luces que nos iluminan».