Jacobo Rey, director xeral de Familia: «O obxectivo é que todas as familias teñan praza nas escolas infantís»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Descarta polo de agora a construción de centros públicos onde non existen

06 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As escolas infantís de Galicia serán o vindeiro curso gratuítas para todos os alumnos, unha medida que busca incrementar a taxa de pequenos que fan uso deste servizo. Queda por ver agora se as prazas ofertadas resultan suficientes para cubrir a demanda existente. O director xeral de Familia, Jacobo Rey, explica que os datos de matrícula permitirán elaborar un informe para deseñar o futuro mapa de centros educativos para nenos de 0 a 3 anos.

—A que obedece esa medida adoptada pola Xunta?

—É unha medida pioneira, porque Galicia é a primeira comunidade de España que a pon en marcha. O que se busca é incrementar a taxa de escolarización para que a cuestión económica non sexa un impedimento para calquera familia que queira levar aos seus pequenos a unha escola infantil.

—Existe risco de colapso da rede de escolas existente?

—Hai que ter en conta que é unha etapa de escolarización voluntaria, polo que seguirá existindo moitas familias que non fagan uso deste servizo. A idea é que o curso 22-23 teña carácter experimental, para analizar a resposta das familias. En función do nivel de ocupación dos centros poderemos planificar un posible incremento de prazas en determinadas zonas. Tamén é certo que non hai a mesma taxa de escolarización en todos os niveis, é máis elevada no último curso.

—En caso de que as prazas sexan insuficientes, que criterio vai ser prioritario?

—A prioridade vai ser facilitar a conciliación, polo que sumarán máis puntos as familias nas que os dous proxenitores traballen. Pero o noso obxectivo é que todas as familias teñan praza nas escolas infantís.

—Pero aínda quedan concello, caso de Noia ou A Pobra, que carecen de escolas infantís públicas?

—Por iso, a partir do 1 de setembro, a atención será tamén gratuíta nas escolas infantís privadas. As familias poderán elixir libremente o centro. Antes xa existía o bono concilia, pero os pais tiñan que adiantar o pago, a partir do vindeiro curso, os nenos irán gratis ás escolas infantís, sexan públicas ou privadas.

—Queda descartado por agora dotar a eses concellos de escolas infantís públicas?

—Imos ver as cifras de matrícula do vindeiro curso e a partir de aí analizar a necesidade específica que hai en cada concello.

—Queixábanse os concellos de ter que seguir cofinanciando as escolas...

—A Xunta vai asumir a parte que pagaban as familias para a implantación do sistema gratuíto, de forma que non lle suporá un custe adicional aos concellos, que xa viñan sufragando parte do funcionamento dos centro de titularidade municipal e tamén dos da rede A Galiña Azul.

—Marcará setembro a ansiada volta á normalidade na primeira etapa educativa?

—Se aprendemos unha lección do covid é que resulta complicado facer previsións a medio prazo, pero todo indica que camiñamos cara a normalidade. Xa neste curso houbo unha flexibilización das medidas, pois vaise aprendendo da experiencia. Cando chegue o verán será o momento de analizar a situación e elaborar os protocolos para o vindeiro curso.

«Os Puntos de Encontro Familiar buscan facilitar o contacto entre os nenos e o seu entorno»

A Consellería de Política Social vén de poñer en marcha en Ribeira un Punto de Encontro Familiar (PEF), o primeiro que funciona máis alá dos que existen nas sete grandes cidades galegas. Jacobo Rey explica que é un servizo que traspasa incluso os límites da comarca.

—Que importancia ten este novo servizo?

—O feito de que ata agora só existiran PEF nas grandes cidades provocaba que as familias tiveran que realizar importantes desprazamentos e os que máis os sofren son os nenos.

—Cales son as funcións destes puntos de encontro?

—Os Puntos de Encontro Familiar buscan facilitar o contacto entre os nenos e o seu entorno, principalmente os proxenitores, pero tamén poden ser avós ou tíos; en caso de rupturas conflitivas. Poden ser casos de divorcio ou tamén de retirada da tutela.

—Que zona abarca o PEF de Ribeira?

—A Xunta pon estes servizos a disposición dos xulgados, que son os que determinan en que PEF poden encontrarse as familias. En principio, estaría dirixido ao partido xudicial de Ribeira, pero pode haber familias de outras zonas que o soliciten. Hai que ter en conta que os que funcionan nas sete grandes cidades teñen maior carga de traballo e polo tanto máis trabas á hora de elixir horario.