Primeiras ocupacións humanas do Barbanza

Víctor Barbeito Pose / Julián Bustelo Abuín

BARBANZA

Núcleo discoidal atopado no contorno dun dos abrigos de Braña de Leis.
Núcleo discoidal atopado no contorno dun dos abrigos de Braña de Leis.

Útiles líticos achados na Cova do Fonforrón foron as evidencias máis antigas

30 abr 2022 . Actualizado a las 10:15 h.

As primeiras ocupacións humanas son unhas das grandes descoñecidas da investigación arqueolóxica no Barbanza. Non resulta fácil nin moi prolixo atopar referencias ás que deberon ser as primeiras vagas de poboadores, pero dalgunhas dispomos.

A primeira referencia ao paleolítico barbanzán podemos atopala na obra Geografía general del Reino de Galicia, dirixida por Francesc Carreras i Candi. Trátase dunha obra colectiva publicada en Barcelona en 1928. Os tomos dedicados á provincia da Coruña foron coordinados por Uxío Carré Aldao. Neste traballo sinálase a recuperación de útiles líticos na Cova do Fonforrón (San Vicente de Noal, Porto do Son). Desafortunadamente, os achados permanecen en paradoiro descoñecido.

A seguinte referencia atopámola no traballo publicado por Calo Lourido e Teresa Soeiro sobre as campañas de escavación levadas a cabo entre 1980 e 1984 no castro de Baroña, onde se dá noticia de que, xunto co profesor Vázquez Varela, tiñan atopado unhas lascas na praia de Caamaño. O mércores 5 de setembro de 1984 La Voz de Galicia facíase eco de que o profesor Vázquez Varela, xunto co profesor da Universidade de Salamanca Luis Benito del Rey, o ano anterior, atoparan na zona de Barraña (Boiro) un útil pertencente ao paleolítico inferior.