Calendario marcado

BARBANZA

28 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Se o número de coñecidos que caeron con covid fose un mes dun calendario de cociña, nestes momentos estariamos vendo a folla chea de riscadas, como avisando de que xa nos vai tocando. Por agora na miña familia zafamos todos, aínda menos mal. Síntome como ese neno que observa impotente como a marea lle come as base da feble muralla e o rodea sen remedio.

Digo que non teño curiosidade ningunha por saber cando me tocará nin como me afectará. Seguro que chegará no momento máis inconvinte, que é o tempo no que sempre aparecen as enfermidades. En canto os síntomas e os padecementos, estamos igual: prefiro que mos conten a ter que contalos eu. Habendo xa tanta xente que os superou, o catálogo de síntomas danos para pensar que as enfermidades son coma o propio mundo, do que xa nos lembraba Vicente Risco que era asegún.

Con todo, é estraño saber que moi posiblemente o virus acabará por instalarse no corpo sen pedir permiso e dun día para outro. Ou tamén puido ser que tamén chegara e marchara sen eu me decatar, como adoita pasar coa nómina. Iso encaixaría moito co meu estilo de vida, no que polo xeral o mundo sucede por aí ao lado, como un señor que pasa, mentres eu especulo co relevo natural dunha pedra ou marcho de vacacións ao interior dun libro durante unha semaniña.

Nunca fun moito de calendarios de cociña, pero agora que a este mes xa lle quedan tan poucos días e están todos riscados, teño que dicir que non me importaría saltarme estes días por riscar e comezar xa no mes novo.