San Xurxo e outros cabaleiros

Francisco Ant. Vidal

BARBANZA

Bernardo Codesido

23 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Na mitoloxía xermánica fálase dun heroe chamado Sigfrido que un día matou a un malvado dragón, e tras bañarse no seu sangue, igual que Aquiles na lagoa Estixia, a súa pel converteuse en férrea armadura. Está claro que os heroes cópianse e aprenden uns de outros as distintas técnicas que os malvados nunca descobren por moito que se repitan.

O dragón como prototipo do mal tamén aparece, moitos anos antes da traxedia narrada na Ilíada, na lenda de cando Heracles, coa súa armadura de pel de león, foi chamado para defender Troia da furia dun monstro mariño que esixía o sacrificio de doncelas que os troianos pagaban resignadamente, ata que lle chegou a quenda á filla do rei que gobernaba naquel momento e entón, do presuposto real, sacaron unha partida para contratar o heroe que se atrevese a loitar coa fera ata vencela, e liberalos así de tan horrible tributo.

Sempre que falamos dun tipo disposto a defender doncelas, desfacer agravios, prodigar o ben e evitar o mal, vénnos á mente don Quixote e todos os cabaleiros andantes, lanza en riste, que o precederon e encheron de ilusión a xeracións enteiras en pro dun mundo mellor, xa fose con Amadís, Tirante ou Branco, os cabaleiros da táboa redonda ou algún santo ben armado e disposto contra todo tipo de monstros e demoños que asolan o mundo. E igual que aqueles cabaleiros e heroes medievais, vestido con armadura e cheo de boas intencións, aparece no santoral de abril san Xurxo, disposto a liberar inocentes mozas das fauces dun dragón.